Site icon Crónica3.com A Mariña

Fraga das Saímas felicita á súa socia de honra Julia Vidal polo seus 105 anos

A parroquia viveirense de Santo André de Boimente e a Asociación de mulleres Fraga das Saímas espertaron este mércores de noraboa. A súa veciña e socia de honra, Dona Julia Vidal, cumpre 105 anos na súa casa de Os Leás, ao lado da súa inseparable nora, Marisa. Dona Julia que recibe todos os días os mimos e cuidados do seu neto Luis e a súa esposa Merche, pertence a esa xeración de mulleres galegas admirables, de raza, que se enfrontaron a unha vida dura e difícil con coraxe e valentía, mais sen perder o optimismo e a alegría no seu infatigable facer diario porque como di aquel poema de Medos Romero, cuxos versos poderían ser mesmo palabras de Dona Julia, Fun do tempo / en que a muller / arrincaba coas maus / as raíces á terra.

Membros da Directiva do colectivo “Fraga das Saímas” visitaron o día de Reis a Dona Julia para transmitirlle todo o afecto e cariño das mulleres da asociación. Visita que aproveitaron tamén para achegarlle un agarimoso presente.

Dona Julia, a nosa admirable socia, loitadora incansable, que mentras non lle fallaron as forzas traballou arreo e con sentimento, emoción e orgullo a terra que a viu nacer. A ela, no día de hoxe, a Directiva quere dediarlle estes excepcionais versos do poemario de Medo Romero, Rendéome no Tempo.

Roibean as túas carnes brancas
empapándose de sures os peitos,
tinguíndose as maus
dun mouro seco,
axirando un pan segado
ao roubo da sesta das tardes.
ti, campesiña, flor xa tan seca
do tallo delicado,
aquela da onda no pelo,
esa da foto marela,
a do vestido longo.

Exit mobile version