Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia cre que a visita da Secretaria Xeral de Políticas Sociais “demostra o compromiso do goberno galego co Concello de Burela”

burela-coroBurela, 23 de xaneiro de 2015. O alcalde, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva da visita que este venres cursou a Burela a secretaria xeral de Políticas Sociais da Xunta. Coro Piñeiro estivo na residencia da terceira idade, na Fundación Eu Son e reuniuse coa presidenta da AFAN.

O rexedor explicou que “na residencia da terceira idade falamos cos traballadores, cos responsables da instalación e coñecemos as demandas que teñen para mellorar máis, si cabe o servizo”. González Barcia lembrou que “no seu momento o goberno bipartito da Xunta acometeu unha reforma, que xa no seu día foi criticada porque non resolvía algúns problemas que tiñan esas instalacións e que co paso do tempo se demostrou que foron perxudiciais. Coro Piñeiro recolleu información para tentar mellorar a calidade asistencial do centro e o Concello ofrécese aos responsables da residencia da terceira idade a poñer en marcha algunha iniciativa que poida servir para mellorar a calidade da estancia do internos”.

Coro Piñeiro tamén visitou os centros de formación ocupacional e de día da Fundación Eu Son. O rexedor dixo que “a Xunta está a colaborar todo o que pode coa Fundación Eu Son para que estes dous centros funcionen. E o Concello xa se viu que aposta de forma decidida por estas instalacións. Neste mandato puxemos en marcha o centro de día, algo que levaba agardando desde o ano 2007. Cedémoslle á Fundación Eu Son máis locais para que, cando sexa preciso ou se determine, poida ampliar o seu campo de actividades. E a Xunta reiterou o seu compromiso co centro, compromiso que se concretará en datas próximas”. José Mª González Barcia considera que “en próximas fechas é probable que se produzan boas noticias para este colectivo”.

O rexedor relatou que “a terceira xuntanza tivémola coa presidenta da Asociación de Enfermos/as de Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas (Afan) para informar á Xunta do que están a facer eles e tamén do que se fai por parte do Concello. Esta asociación nace potenciada desde o propio o Concello, fomos os que lles dixemos aos familiares que se organizasen e nós xestionámoslles un local para que poidan reunirse, xestionámoslles apoios e axudas para que poida ser un colectivo forte en canto a asistencia aos enfermos, pero tamén aos coidadores porque son os que en boa medida sofren de forma moi directa as consecuencias nefastas desta enfermidade”. A secretaria xeral de Políticas Sociais da Xunta comprometeuse “a buscar vías de colaboración coa asociación e co Concello para incrementar o número de actividades para formar aos coidadores e así axudarlles a esa desconexión co mundo desta enfermidade para poder seguir coidando aos enfermos”.

González Barcia, que estivo acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, engadiu que “a visita de Coro Piñeiro a Burela foi positiva e importante. E demostra o compromiso da Consellería de Traballo e Benestar Social co Concello. As cifras da colaboración falan por sí soas, si se ten en conta a magnitude de cartos chegados a Burela para a formación de persoas de desempregadas e para a realización de obradoiros de emprego”.

Exit mobile version