Segundo explica o rexedor: “había dúas cuestións sobre a mesa vinculadas coa realización desa obra. Unha era o asunto do traslado dos inertes que se van retirar cando se fagan os desmontes e outra eran as conversas entre a asistencia técnica da obra e a empresa adxudicataria con Adif Rede de Ancho Métrico, que é a competente da liña de ferrocarril que pasa polo noso concello”.
Para González Barcia “ese punto era o que máis importaba porque hai que cumprir unhas condicións en canto a seguridade, tendo en conta que se vai desprazar a vía do tren con respecto ao trazado actual.
Convén dicirlles aos cidadáns do noso concello que poden estar completamente tranquilos no sentido de que a obra vai para adiante, eu de forma reiterada sempre dixen que desta vez si vai a obra de acceso ao porto e o volvo repetir. E tamén aproveito para informar ao conxunto das veciñas e dos veciños de Burela de que as conversas con Adif van por bo camiño”. O alcalde considera que “hai que ter en conta que Adif é un servizo público de transporte que ten que ter en todo momento a maior seguridade posible para os usuarios desta liña de tren, máxime cando se fan obras e cando se despraza a vía do tren.
Precisamente neste caso é cando hai que extremar as medidas de seguridade. Estes son os detalles que se está a ultimar e concretar neste momento con Adif”. O rexedor subliña que “hai zonas de noiros de 6, 7 ou 8 metros e se quere evitar calquera tipo de sorpresa desagradable que puidera xurdir durante o transcurso da obra ou incluso con posterioridade. Ás condicións de seguridade únense as propias características do chan e da zona onde se fai a obra”.
José Mª González Barcia dixo: “a xente pode estar absolutamente tranquila porque a obra se vai facer. E digo isto porque hai algún comentario pola vila ao mellor por falla de información, aínda que non creo que sexa de mala fe, de que a obra non se vai facer… Disto non hai nada. A obra segue para adiante e o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co acceso ao porto de Burela é claro e manifesto”. O rexedor agarda e confía que “co maior brevidade posible se concreten xa as actuacións a levar a cabo entre Adif Rede de Ancho Métrico, a empresa construtora e a asistencia técnica e que as obras de poidan retomar xa para que discorran de forma ininterrompida, acaben en prazo e así contemos con ese vieiro, polo que levamos agardando tantos anos. É unha infraestrutura necesaria e estratéxica para o porto de Burela e tamén para o conxunto do noso concello”.
Esta mañá o alcalde reuniuse con veciños e coa Comunidade de Montes para explicarlles os termos da xuntanza de onte en Santiago de Compostela.