Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia reuniuse cos responsables do colectivo xitano en Burela “para favorecer unha maior integración na vila”

Burela, 19 de xaneiro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, reuniuse este luns con representantes do colectivo xitano no municipio. Fíxoo nun encontro no que puido coñecer de cerca cales son as problemáticas que máis preocupan a estes cidadáns, de cara a colaborar na súa integración e buscar a mellor convivencia posible entre todos os veciños de Burela.

O rexedor municipal explicou que “hoxe pola mañá reunímonos con representantes do colectivo xitano de Burela nun encontro que serviu para intercambiar distintos puntos de vista sobre a situación do noso concello e sobre a problemática que este colectivo ten. Foi unha reunión cordial que se enmarca dentro das xuntanzas que o equipo de goberno ten con distintos tipos de colectivos, de cara a buscar unha maior e mellor integración de tódalas persoas que viven aquí en Burela, buscando evidentemente un maior grado de convivencia”.

Barcia aclarou que “neste sentido, dende o Concello recibimos positivamente a colaboración do colectivo xitano, xa que eles tamén están interesados en que a convivencia en Burela siga a ser coma ven sendo ata o de agora. Eles aquí están contentos e por parte do Concello o único que lles dixemos é que imos manter a liña de traballo que vimos mantendo ata agora con respecto aos demais colectivos. Contarán coa nosa colaboración, sempre e cando haxa medios para facelo posible”.

Exit mobile version