No IES Monte Castelo, o deportista falou da súa experiencia no fútbol sala para o alumnado do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas e dos cursos federativos de formación de adestradores de Nivel I de Fútbol e Fútbol Sala e Nivel III de Fútbol Sala. Xunto a el estiveron o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, e o vicedirector do centro, Alfonso Iglesias, ademais de contar coa tradución do profesor Joseph Escamilla.
Jafari Behroz, de tan só 27 anos e destacado en España como o mellor xogador do Mundial Universitario disputado en Antequera en 2014, trasladou as súas vivencias como xogador da Selección Iraní, dirixida polo madrileño Jesús Candelas, e as súas impresións sobre o fútbol sala español.
Con esta aproximación ao deporte internacional, a Fundación Imdecum abre as actividades de promoción de fútbol sala na provincia en 2015, cunha programación na que volverá apostar especialmente pola base con citas xa tradicionais como o Encontro do Deporte Base na Mariña, que en 2014 reuniu o combinado do Xapón e o seu seleccionador, Miguel Rodrigo, coas Seleccións da Mariña; as Xornadas do Deporte da Academia Imdecum, coa visión de profesionais de diferentes disciplinas; a Xornada de Fútbol Sala na Rúa; o Memorial de Fútbol Sala Base Rodrigo Maseda Lozano ou o Trofeo do Nadal Mariñán, entre outras.