Baixo o título ‘A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia’, esta exposición conta con abundante documentación e obxectos doados por diferentes asociacións e particulares. “Esta mostra é o colofón a varios meses de traballo. A Área de Cultura da Deputación de Lugo é consciente da necesidade de traballar dende distintas temáticas as catro décadas de ditadura franquista. 40 anos de represión e resistencia que se analizaron en tres conferencias realizadas durante o mes de decembro no Museo Provincial de Lugo e que teñen continuidade no 2015 con táboas redondas, vídeo-foros ou relatorios”, salientou Mario Outeiro, que valorou que esta mostra “pretende evidenciar que a persecución que o franquismo emprendeu contra aqueles que se opuxeron ao réxime comezou xa dende o primeiro momento, xusto no golpe de Estado, e foi incluso máis aló da morte do ditador”.
“Con esta exposición preténdese amosar como se levou a cabo a resistencia á ditadura franquista, así como o papel de moitos dos loitadores –descoñecidos en grande parte–, cuxa briga se percorre a través dalgún dos documentos que forman parte desta mostra: fichas policiais, correspondencia, prensa, comunicacións e utensilios para levalas a cabo, ou mesmo obxectos persoais de algunhas destas persoas. Téntase facer unha caracterización o máis completa posíbel das condicións nas que sobreviviron á persecución emprendida contra elas”, detallou Mario Outeiro.
Na exposición poderanse ver as ferramentas de tallado da madeira e a caixa que enviou desde o cárcere o albanel monfortino Eusebio Cuesta, os selos que empregaba o guerrilleiro José Castro Veiga ‘o Piloto’, un bandeirín de Radio España Independiente (‘Pirenaica’), varias multicopistas coas que se elaboraba a propaganda clandestina, unha carteira de dobre fondo; e mesmo a recreación dunha cova na que se agochaban os guerrilleiros na zona de Paradela.
Recreación dunha cova onde se agocharon guerrilleiros
A exposición poderá ser visitada de xeito gratuíto no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos ata o vindeiro 27 de febreiro. Ademais dun amplo número de documentos, folletos, cartas de amor e incluso o reloxo que levaba un dos dirixentes das guerrillas cando foi fusilado, a mostra inclúe a recreación dunha cova na que se refuxiaban os guerrilleiros baseada en planos reais, que tamén figuran dentro da exposición. É unha cova que había nunha casa de Paradela e que foi tirada cando se aumentou a estrada.
Un dos comisarios da exposición, Antonio Somoza, manifestou que a exposición se divide en tres bloques. “No bloque inicial vaise analizar a represión franquista, dende os primeiros mortos nas cunetas ata as causas militares, os fuxidos e as persoas que se ocultaban nas paredes da súa casa e eran coñecidas como toupas”, afirmou. Somoza fixo referencia a “un caso paradigmático na nosa provincia, o do militante da CNT Manolo Becerra, que traballaba nas minas de Ponferrada e que se ocultou na súa casa das Nogais durante os 40 anos de franquismo”, destacou.
Outro bloque importante estará dedicado á “guerrilla e a actividade clandestina das organizacións antifranquistas, sometidas á represión do réxime. Xa existían nos anos 40 e 50, pero fixéronse sobre todo máis presentes a partir dos anos 60. Imos ter documentacións de todas esas organizacións e información sobre os feitos relacionados con toda esa loita antifranquista”, comentou.
Cesión de materiais por parte de diversas Fundacións e particulares
En terceiro lugar, Somoza sinalou que “hai un espazo dedicado aos recursos multimedia na medida de que somos coñecedores de que hai moitos documentais e algunha película de época como a que nos cedeu Carlos Portomeñe, que se editara en Cuba sobre o asasinato de Gayoso e Seoane, dirixentes do Partido Comunista e da guerrilla no ano 48 e que foron sentenciados a pena de morte”.
Antón Somoza quixo agradecer a cesión de documentación e obxectos. “A exposición non sería posible sen a cesión e colaboración de distintas entidades e partidarios que nos cederon documentos e outras que nos deixaron fotocopiar os orixinais. Entre elas están a Fundación 10 de marzo, a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, a Fundación Penzol de Vigo e o Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces. E logo tamén persoas a título individual como Carlos Portomeñe, Carlos Dafonte, o propio comisario Antón Grande, Javier Rivera, Santos Costa e Manuel Costa”, concluíu.
Durante a inauguración actuou o grupo de teatro ‘Daboapipa’, que é unha compañía que fai teatro infantil e ten unha peza dedicada á temática da represión franquista.