Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García insta á Conselleira de Sanidade a “por enriba da mesa con luz e taquígrafos”os datos das listaxes de espera do Hospital

A MARIÑA, 28 DE XANEIRO DE 2015.- Ante as declaracións da plataforma sanitaria da Mariña nas que aseguran que os datos da listaxe de espera do Hospital da Costa son “irreais”, os socialistas desta comarca instan á Conselleira de Sanidade a “por enriba da mesa, e con luz e taquígrafos”, esta información, porque, din, “detrás de todo isto están as persoas”. Neste senso, a coordinadora comarcal –Mayra García- non dubida en manifestar “a súa indignación”, asegurando que “xa está ben de xogar coa saúde dos veciños. A responsable do SERGAS ten que dar a cara pero, sobre todo, ten que dicir a verdade. Os mariñanos non nos merecemos que continúen con esta falsidade”, subliña.

Consecuencia da xestión integrada
Neste senso, a socialista matiza que “este vaivén nos datos, que tan só serve para crear máis incertidume entre a cidadanía” é unha das consecuencias da xestión integrada impulsada pola Xunta de Galicia. “Agora o estamos vendo. Estamos vendo como pasamos de ter un Hospital de calidade e referente a ter un ambulatorio, e estamos vendo como a Xunta de Galicia fixo caso omiso das denuncias que fixeron hai meses os propios facultativos”. Deste xeito, García refírese á afrenta manifestada hai un ano polo 88% destes profesionais. En febreiro de 2014, os sanitarios xa denunciaran que o centro perdera servizos asistenciais, emprego e capacidade resolutiva.

“Todos estes datos, destaca, son a proba de que o Decreto de Xestión Integrada non só eliminou a autonomía de xestión sanitaria, senón que provocou a destrución do Hospital; algo do que é responsable a Xunta, co silencio dos deputados e alcaldes do PP”, tal e como se demostrou, di, nos concellos onde os socialistas presentaron mocións para recabar opoio dos populares, e nos que estes se opuxeron a esixir ao Goberno galego que dese marcha atrás na implantación do novo modelo sanitario.

Ademais, subliña, “a gripe puxo de manifesto que a xestión é un desastre, froito de sucesivos recortes, copagos e privatizacións, un caos que só superamos grazas ao esforzo dos traballadores”, afirma García, quen lamenta que o Partido Popular leva “seis anos desmantelando e utilizando en beneficio propio o sistema sanitario público de Galicia”.

Exit mobile version