Javier Castiñeira explicou que “hoxe, aproveitando o bo tempo, decidimos facer unha visita aos alumnos do obradoiro Pardo de Cela, que comparten os concellos de Foz, Mondoñedo, O Valadouro e Alfoz, concretamente ao módulo que está actuando en Foz que é o de silvicultura, formado por 10 persoas: cinco veciños de Foz e cinco de Mondoñedo. O que lles toca no proxecto é limpar as beiras do río Ouro, que realmente necesitaban unha limpeza e a verdade é que é moi meritorio o traballo que están facendo nunha situación bastante complicada, con moita maleza. Os traballos están quedando moi ben e estamos realmente moi contentos. Sobre todo nesta escola obradoiro que compartimos catro concellos o importante é a boa coordinación entre os responsables dos obradoiros e os dos concellos; e a verdade é que está habendo unha moi boa coordinación”.
O alcalde engadiu que “o módulo que afecta a Foz e Mondoñedo comezou a traballar nos últimos meses do ano 2014 en Mondoñedo, actuando sobre varias áreas recreativas, e neste momento está a facelo nas marxes do río Ouro. O outro módulo, que é o de O Valadouro e Alfoz, tamén leva un sistema parecido. Por todo isto estamos contentos do funcionamento e da boa colaboración entre os concellos e a propia escola obradoiro. E proba disto é que os cinco alumnos de Foz participaron tamén, de forma completamente voluntaria, nos preparativos da cabalgata de Reis na vila. Estamos contentos e o Concello está sempre tratando de colaborar ao máximo, prestando todo tipo de medios, vehículos, instalacións e demais. Polo tanto queremos dar os nosos parabéns a tódolos alumnos polo traballo que levan elaborado nestes meses. A seguir así, mentres esperamos que se rematen todos estes traballos.”