Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña chama a atención sobre o colapso do servizo de cardioloxía do Hospital da Costa que “acumula meses de retraso en probas diagnósticas programadas”

A Mariña, 15 de xaneiro de 2015. O BNG denuncia o caso dun doente cunha patoloxía cardíaca que debe ser sometido a revisións semestrais que leva desde o mes de setembro de 2014 agardando sen resultados positivos por unha proba para a que non ten data prevista. A fronte nacionalista sinala que non é o único caso, existen centos na comarca nas mesmas circunstancias, e que a pesar das negativas que poda dar a dirección do SERGAS sobre a existencia deste problema, a falta de cardiólogos no Hospital da Costas creou alarma e séguea creando polos atrasos na atención de doentes que levan meses agardando datas para ser atendidos.

A portavoz comarcal, Ana Ermida Igrexas, sinalou que o caso desta persoa que tiña data de revisión na pasado mes de setembro e aínda non foi atendida é o de moitos outras na comarca, “chamar ao hospital para preguntar é inútil porque todo é dar largas, agardar unha chamada que non chega e seguir coa angustia de que poda pasar algo de difícil remedio”. Ermida mesmo ten constancia de persoas xa ingresadas no hospital pendentes de probas cardíacas que foron dadas de alta sen atención.

As carencias de persoal sanitario no servizo de cardioloxía do Hospital da Costa véñense denunciando desde fai seis meses sen que o SERGAS poña solucións, faltaron facultativos no servizo de cardioloxía, pecharon as axeudas de citación e a dirección sanitaria di que isto non é un problema, insultando ás persoas que unha e outra vez reciben largas cando chaman para preguntar polas probas programadas que non reciben.

Cando un doente cunha afección cardíaca se lle fai unha programación para revisión do seu estado cunha periodicidade fixa e esta non se cumpre, estase poñendo en risco a vida dunha persoa e os responsábeis da situación teñen nomes e apelidos, tanto na dirección do Hospital de Burela, como na da EOXI de Lugo, como na propia conselleira de Sanidade.

Para o BNG resulta “moi preocupante” a desfachatez coa que desde a Área de Xestión Integrada con dirección en Lugo se negan realidades sobre o deterioro de servizos sanitarios na Mariña que son evidentes polas denuncias dos propios doentes.

Exit mobile version