Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela acusa ao PP de “agochar a incompetencia de Mónica Pedre á fronte da concellería de Educación”

“O PP difama contra todo canto se pon por diante para agochar a incompetencia e irresponsabilidade de Mónica Pedre á fronte da Concellaría de Educación”. Deste xeito saía ao paso o portavoz municipal do BNG en Burela, Mario Pillado, tras as declaracións do Sr. González Barcia en relación á Escola de Música. “Se hai alguén que non está lexetimado para dar leccións neste asunto, é o Goberno Municipal do Partido Popular”, despois de quedar probado que actuou con “vontade de represalia” contra dous profesores da Escola de Música, tal como se recolle nas sentenzas dictadas polo xulgado do social de Lugo.

A demagoxia do Sr. Barcia é de tal calibre que mesmo se atreve a dicir que “non vai consentir que se critique a ningún empregado municipal”, cando durante meses se dedicou a atacar furibundamente a dous traballadores da Escola de Música con nomes e apelidos só para procurar algún rédito político. En palabras de Pillado, “resulta cando menos curioso que só se lles reducise a xornada laborar a estes dous profesores” e que un xulgado emita dúas sentenzas favorables a ambos traballadores e obrigue ao Concello a repórlles as condicións laborais previas.

O voceiro nacionalista non vai entrar no xogo do PP para desviar a antención do que realmente interesa, mais advirte que tampouco vai tolerar descualificacións persoais totalmente infundandas. Pillado esixe ao Sr. Barcia que sexa responsable neste asunto e que abandoe a estratexia do “difama que algo queda”. “O PP hai tempo que sobrepasou todas as liñas vermellas e lamentablemente aínda permace instalado na práctica do descrédito persoal como única arma política, quedando en evidencia a falta total de argumentos minimamente cribles”, sinalou o portavoz nacionalista.

Queda claro que o Sr. Barcia só procura montar o máximo barullo posible para tentar desviar a atención e eludir a dimisión de Mónica Pedre. Pillado sostén que a Concelleira “debe presentar a súa dimisión de forma inmediata como responsable da precarización laboral de dous traballadores, ao quedar demostrado xudicialmente que se actuou de forma inxustificada e cunha clara vontade represiva, antepoñendo intereses particulares ao interese xeral”. O Grupo Municipal do BNG velará pola execución íntegra das sentenzas e continuará a defender en todo momento unha ensinanza musical pública e de calidade en Burela.

Mario Pillado.

Exit mobile version