Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz califica de “camiño de carros” a estrada N-642

Foz, 17 de xaneiro de 2015.- A responsable local do BNG en Foz, Lorena Seivane, denunciou o estado lamentable no que se atopan varios tramos da estrada N-642 ao seu paso polo municipio. “Existen tramos realmente intransitables como en Mañente, a Corredoira ou Fazouro. Na subida de Mañente tanto en dirección Barreiros como en dirección Foz a estrada está chea de gretas anchas e totalmente desfeita”.

Segundo Lorena isto é un perigo para a circulación de vehículos porque os condutores intentan esquivar as fochancas e desvíanse do carril natural. Ademais, os coches poden rebentar unha roda ou sufrir un golpe ao haber cantidade de grava solta na estrada. A maiores do mal estado do firme, estas zonas están mal iluminadas « co que de noite os condutores teñen que guiarse case por instinto, mesmo ao paso de curvas pechadas ».

Desde o BNG xa enviaron numerosos escritos e mocións aprobadas en Pleno estes últimos anos á Demarcación de Estradas do Estado esixindo a reparación inmediata dos tramos referidos sen ter ningunha resposta.

Agora parece que ao ser ano electoral van a realizar unha inversión nesta estrada o que desde o BNG vemos como un insulto á intelixencia dos mariñáns. “¿Quen reparará todos estes anos nos que se sufriu o estado lamentable desta estrada? ¿Quen reparará os múltiples danos producidos incluso con algún accidente mortal?”.

En palabras de Lorena, “desde logo que os gobernos do PP e do PSOE non poden abrir a boca neste sentido porque son responsables de que unha estrada de ámbito estatal coma esta sexa máis un camiño de carros que outra cousa. ¿Onde estiveron os representantes deses partidos da provincia e da comarca cando estiveron ao fronte do goberno do Estado?”.

Desde o BNG de Foz so esperamos que estes días se reparen rapidamente -aínda que sexa de forma provisional- as numerosas deficiencias da estrada N-642 ao seu paso por Foz á espera da solución definitiva desta estrada que pasa por un cambio total no seu firme, pintado e iluminación.

Lorena Seivane García
Responsable Local do BNG.

Exit mobile version