Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro urxe ó goberno municipal aprobar os orzamentos do 2015

Viveiro, 24 de xaneiro 2015.- O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro urxe ao Goberno municipal a presentar “sen máis demora” unha proposta de orzamentos municipais para este ano 2015. O voceiro nacionalista, Bernardo Fraga, pregúntalle á alcaldesa “que foi da súa promesa de ter aprobados os orzamentos en decembro, antes do comezo do ano 2015”. O voceiro do Bloque di que se trata “dun incumprimento máis deste Goberno municipal” e augura que “todo indica que Viveiro non terá orzamentos aprobados antes das eleccións”.

Bernardo Fraga lémbralle á actual rexedora “que está en minoría e que estamos acabando o mes de xaneiro e aínda non houbo ningunha proposta por parte deste Goberno municipal nin se nos presentou ningún borrador de Orzamentos”, criticou Fraga, polo que “a non ser que a alcaldesa os estea negociando en segredo co candidato do PP, á vista a boa sintonía entre os dous, que puidemos comprobar todos nas fotos do Muelle Vello, moito nos tememos no BNG que Viveiro non terá Orzamentos municipais aprobados antes das eleccións”, dixo.

“Viveiro precisa un cambio de política económica”
O voceiro nacionalista afirma que “Viveiro precisa un cambio de política económica” porque “a política orzamentaria que levou a cabo o PSOE nos últimos anos foi desastrosa para o Concello” e lembra que “Viveiro é o concello máis endebedado da Mariña e un dos máis endebedados de Galiza, cunha débeda que supera os 13 millóns de euros”. “Esta situación vai lastrar as posibilidades nos vindeiros anos”, afirma o voceiro do Bloque, que di que “a mala xestión do PSOE nestes anos vana pagar os e as viveirenses nas vindeiras décadas”.

Finalmente, Bernardo Fraga indicou que “o Bloque aposta por uns Orzamentos sociais e que atendan as necesidades reais dos e das viveirenses” pero alertou de que “se o modelo polo que opta o PSOE en Viveiro, á vista das fotos do Muelle Vello, é o da gran coalición co PP os Orzamentos resultantes seguirán o modelo de recortes aplicados pola Xunta e o Goberno do Estado”.

Exit mobile version