A Mariña, 5 de xaneiro de 2015. Logo de que o pasado 17 de agosto co gallo da celebración do “Día da Galiza Martir”, o BNG mariñao fixera unha homenaxe na memoria das persoas, naturais ou veciñas de Lourenzá, represaliadas polo franquismo coa colocación dunha placa conmemorativa, a corporación municipal deu apoio á proposta nacionalista de celebración dun acto institucional que vai ter lugar o próximo mércores, 7 de xaneiro colocando unha placa na memoria das persoas de Lourenzá represaliadas polo guerra civil. O BNG agradece o apoio da corporación laurentina que desta maneira asume democraticamente a repulsa ao levantamento antidemocrático e a posterior represión que exerceron as tropas franquistas contra as e os vencidos durante moitos anos.
Tal como ven facendo a organización nacionalista desde fai anos, cada 17 de agosto un concello da comarca acolle a recuperación da memoria das e dos esquecidos, daquelas persoas represaliadas que sufriron e mesmo deron as súas vidas na defensa dos seus ideais democráticos e fronte á barbarie do levantamento fascista do 1936.
A formación nacionalista recordou o pasado 17 de agosto en Lourenzá, no “Día da Galiza Mártir”, ás persoas que sufriron castigos, represión e incluso a morte a mans do fascismo no ano 1936 e posteriores. No concello laurentino ademais instouse ao pleno da corporación a realizar un acto institucional para restituír a memoria das e dos represaliados que contou co apoio da corporación e terá a súa meterialización cun acto o vindeiro mércores 7 de xaneiro ás 13:00 coa colocación dunha placa na Praza Cesar Chavarría Pacio.
No concello laurentino o caso máis significativo foi o de Luis Trigo Chao (O Gardarríos) que foi abatido, xunto coa súa compañeira, Antonia Díaz Pérez o 24 de xullo do ano 1948, en Lourenzá, despois de anos de loita como guerrilleiro antifranquista.
Pero a lista de nomes de persoas represaliadas é máis ampla nese concello, a comezar pola corporación democrática do ano 36, que foi destituída, expedientando ás persoas que a compoñían; ata o propio, Fernández del Riego, que foi detido sen procesamento xudicial e apartado do seu traballo como profesor universitario.
Esta é a lista coñecida das persoas que sufriron as consecuencias da defensa dun réxime contrario ao fascismo que se instalou no Estado español co golpe militar do 36:
Manuel Palacios Sánchez. Directivo agrarista. Detido sen proceso xudicial.
Donato Ron Sánchez. Médico. Xulgado por rebelión.
Francisco Ron Sánchez. Sacerdote. Xulgado por rebelión.
Pedro Ron Sánchez. Comerciante. Xulgado por rebelión.
Rosendo Ron Sánchez. Concelleiro. Xulgado por rebelión.
Ramón Rivera Bermúdez. Labrador e concelleiro. Expedientado.
Ricardo Cienfuegos. Labrador e concelleiro. Expedientado.
José Díaz Valiña. Labrador e concelleiro. Expedientado.
Antonio López Vidal. Labrador e concelleiro. Expedientado.
Francisco Oural Cabanela. Labrador e concelleiro. Expedientado.
Manuel Ramos Fernández. Concelleiro. Expedientado.
Manuel Vidal Sánchez. Labrador e concelleiro. Expedientado.
José Rodríguez López. Concelleiro. Expedientado.
Máximo Debén Rodríguez. Concelleiro. Expedientado.
Sebastián Solla de Ron. Alcalde. Expedientado.
Ramon Ventoso Rodríguez. Gandeiro. Xulgado por rebelión.
Francisco Fernández del Riego. Profesor universitario. Detención sen procesamento xudicial e perda de emprego.
Jesús Fernández Rodríguez. Vendedor ambulante. Xulgado por rebelión.
Luis Trigo Chao (O Gardarríos). Asasinado pola Garda Civil en Lourenzá
Antonia Díaz Pérez, asasinada pola Garda Civil en Lourenza o 24 de xullo de 1948.