Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta unha moción ó Pleno da Deputación para que Hacienda non penalice ós emigrantes retornados polas súas pensións no estranxeiro

Lugo, 24 de xaneiro de 2015. O BNG levará ao Pleno deste martes na Deputación provincial unha moción de apoio aos emigrantes retornados galegos e en contra da “persecución e discriminación” á que están sendo sometidos por parte do Ministerio de Hacienda. O BNG critica este “acoso fiscal” do Goberno de Mariano Rajoy aos emigrantes retornados galegos mentras “defraudadores confesos, coma o señor Bárcenas, saen da cadea”.

O voceiro nacionalista na Deputación, Mario Outeiro, contrapón: “Bárcenas sae do cárcere despois de terse levado ao estranxeiro ducias de millóns de euros, os Pujol teñen en paraísos fiscais moreas de cartos, Urdangarín usou a Casa Real para estafar diñeiro público, e mentres todo isto acontece, o Ministerio de Hacienda a quen persegue é a centos de emigrantes galegos que volven ao noso país despois de décadas de sacrificio e traballo no estranxeiro e que traen para aquí as divisas que gañaron fóra, ao contrario ca Bárcenas, Pujol ou Urdangarín”.

Hai meses os galegos e galegas emigrantes recibiron multas da Axencia Tributaria para que declarasen as cantidades percibidas noutros países. Diante desta inxustiza, produciuse unha forte resposta social. Estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información previa en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade de defraudar pola súa parte, e que se apoia co feito de que os estados pagadores nunca lles expediron ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

Foi a presión que realizou con intensidade a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados/as, apoiados por organizacións coma o BNG, a que conseguiu que se saiba quen son os verdadeiros defraudadores e que se coñeza que houbo un trato inxusto e discriminatorio cos/coas pensionistas retornados/as. Tamén esa contestación social motivou a introdución na reforma fiscal deste 2015 dun “proceso de regularización” dirixido a este colectivo que, con todo, é unha solución parcial que non asegura un tratamento fiscal equitativo e non discriminatorio respecto doutras persoas que só perciben pensións de organismos do Estado español.

O proceso de regularización fiscal, unha solución cosmética e electoral
Por iso, o BNG considera que “non se pode consentir que se lle dea unha solución simplemente cosmética ás xustas demandas deste colectivo coa Axencia Tributaria por atopármonos nas vésperas dun ano de importantes envites electorais”. Son imprescindíbeis medidas reais para que a tributación das pensións de emigrantes retornados/as sexa xusta e igualitaria, que os impostos que soportan non teñan un tratamento legal diferente polo simple feito de ter desenvolto unha parte da súa vida laboral no estranxeiro, denuncia o Bloque.

Na súa moción, o BNG reclama medidas como unha modificación lexislativa para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios estados; o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez dos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións; solicitar información dos países nos que estiveron emigrados, sobre todo de Suíza, para verificar que as prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar a dupla imposición; e, finalmente, a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volverse a producir.

“Os nosos e as nosas emigrantes retornados/as non son defraudadores, coma Bárcenas, Pujol ou Urdangarín, son traballadores e aforradores que se merecen unha xubilación digna despois dunha vida de esforzo e traballo”, conclúe Mario Outeiro.

Exit mobile version