Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama mediante mocións nos concellos de Alfoz e O Valadouro a creación dun refuxio de animais

O Valadouro, 20 de xaneiro de 2015.- O BNG levará aos plenos municipais a demanda da Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz para a creación dun refuxio de animais que prestaría servizo aos dous concellos de maneira mancomunada. Esta asociación vén demandando a creación dun espazo de acollida de animais abandonados e recibiu o compromiso do goberno local do Valadouro de fornecer este espazo, e o compromiso do goberno de Alfoz para colaborar mancomunandamente no mantemento das futuras instalacións, as cales, serían xestionadas pola referida asociación, aforrando ao concello o persoal na dotación dun servizo que ten obriga de prestar. Os meses pasan sen que esta actuación sexa unha realidade o que motiva ao BNG a impulsar este proxecto comprometendo ao conxunto da corporación para dotalo economicamente e establecendo prazos de execución acordados coa asociación.

Piden concreción das promesas realizadas polo goberno local á protectora para contar cun refuxio de animais
A organización nacionalista no val pretende levar aos plenos municipais que se celebrarán a finais de mes nos dous concellos unha moción que comprometa ás corporacións municipais na execución de promesas realizadas polos gobernos locais á Asociación Protectora de Animais Valadouro – Alfoz, de momento sen concreción real, sobre a creación dun refuxio de animais que preste servizo aos dous concellos do Val.

Hai que agradecerlle o traballo á asociación protectora cumprindo coa parte que lle toca aos concellos
Segundo explicou, Eduardo Chao, portavoz municipal do BNG no Valadouro, a asociación protectora de animais con ámbito de traballo nos dous concellos irmaos, “ofreceuse a xestionar o refuxio de animais polo que debe agradecéreslle un traballo que de non facelo ela teríano que facer os concellos”; “o lóxico e correcto é que os concellos, tanto Alfoz como O Valadouro, cumpran coa súa responsabilidade e compromisos facendo realidade este refuxio”, afirmou Chao.

Reclaman dotación económica e prazos de execución comprometendo ao conxunto da corporación local
O BNG reclama dotación económica para esta actuación e prazos de execución para este refuxio que se instalaría en zona lonxe de vivendas, previsibelmente nas proximidades do punto limpo, e debe contar coas características básicas de seguranza e hixiene propias deste tipo de instalacións.

Exit mobile version