Behroz (Ardebil, 1987) mostrouse moi contento coa súa estrea en España. “Esta é a miña primeira experiencia fóra do meu país. Veño con moitas ganas de aprender do fútbol sala español e no Burela FS. Na miña decisión final non influíu o tema económico senón o proxecto deportivo”, explicou o xogador laranxa, agradecendo ademais o gran recibimento dos seus novos compañeiros, cos que xa puido compartir algunha sesión de adestramento: “Foron todos moi amables; prometo adestrar duro, espero adaptarme ben á dinámica do equipo e traballarei para axudar o máximo posible”.
Desde a entidade burelista, Manuel Blanco, destacou a chegada de Behroz como “unha grande incorporación ofensiva, unha necesidade para ampliar e darlle frescura a un cadro que non puido dispoñer de todos os seus efectivos ata o momento”, desexándolle “unha rápida adaptación para contribuír ao crecemento do equipo na segunda volta”. “O Burela FS está configurado por un gran bloque que demostrou un enorme compromiso desde o principio de tempada; a súa capacidade de sobrepoñerse ante as adversidades das lesións e a súa dedicación proporcionáronnos a nosa primeira clasificación para a Copa de España” encomiou así o presidente laranxa o traballo do conxunto mariñán na primeira volta da competición.