Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIM de Burela tramita e informa sobre as solicitudes de axudas da Xunta para facer fronte ó alugamento de vivendas

Burela, 31 de xaneiro de 2015. O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Burela informa e tramita dende esta semana as axudas promovidas pola Xunta de Galicia para facer fronte ao pago do aluguer de vivendas. Estas axudas están convocadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Benestar e Traballo, e poden chegar a cubrir o 40 por cento da renda anual que os beneficiarios pagan polo alugamento dunha vivenda habitual e permanente, cun límite máximo de 2.400 euros anuais por vivenda. O prazo de solicitude estará aberto ata o 20 de febreiro e os interesados poden consultar máis información na publicación do DOG correspondente ao luns, 19 de xaneiro, no enderezo: http://igvs.es/web/actuamos/195.

Entre os requisitos esixidos para poder demandar estas axudas están: ser titular ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda en calidade de persoa arrendataria, así como que a vivenda arrendada ou que se vai arrendar constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente do demandante. Ademais, os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia deberán ser en conxunto inferiores ao límite de ingresos establecido nas correspondentes convocatorias e a renda do contrato de arrendamento non deberá superar a cantidade de 500 euros mensuais. Todas as persoas e membros da unidade de convivencia deberán acreditar que se atopan ao día no pago das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social.

Tal e como establecen as bases da convocatoria, o límite de ingresos será diferente para as unidades de convivencia en función da súa composición e expresarase en número de veces a contía anual do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Así, se a unidade de convivencia está formada por unha soa persoa adulta a contía do IPREM multiplicarase por 1. Se está formada por dúas ou máis, a primeira persoa adulta computará 1 vez o IPREM; cada persoa adicional de 14 anos en adiante, 0,5 veces o IPREM; e cada menor de 14 anos adicional, 0,3 veces o IPREM.

Exit mobile version