Burela, 22 de xaneiro de 2015.- O Concello aprobará no pleno da tarde deste xoves a aplicación dunha bonificación do 90% no imposto de construción, instalación e obras á Camiña-Asociación de discapacitados psíquicos para o acondicionamento dun baixo no nº 9 da rúa Rafael Dieste.
A edil de Servizos Sociais, Diana Durán, explica que “Camiña dirixiuse ao noso Concello para solicitar a bonificación do ICIO, conforme ao artigo 9 da ordenanza fiscal, previa declaración de interese municipal por concorrer en circunstancias sociais”.
A concelleira dixo que “o que van crear nese baixo é un centro de ocio para os asociados e asociadas” e lembrou que “este colectivo, que leva anos traballando a prol da discapacidade intelectual, conta con subvención do Concello de Burela e tamén lles cedemos locais na praza de abastos para realizar a súa actividade diaria”. Diana Durán engadiu que “nós entendemos que debemos seguir axudando, na medida das nosas posibilidades, a colectivos e asociacións que agrupen e traballen para facerlles a vida máis doada ás persoas con capacidades diferentes e tamén ás súas familias”.