Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela comeza a implantar a administración electrónica

Burela, 19 de xaneiro de 2015. Tal e como anunciou hai dous meses o propio alcalde, José María González Barcia, o Concello de Burela comezará a aplicar nas vindeiras semanas a administración electrónica, “ferramenta de traballo que nos permitirá cumprir coa Lei de Transparencia, e que efectivamente fará máis transparente á administración local, pero tamén máis eficiente e eficaz, ademais de facilitarlle ao cidadán o acceso á información da tramitación dos expedientes que lle poidan afectar”.

O rexedor confía en que “no prazo de mes e medio poidamos estar xa tramitando expedientes e recibindo facturas electrónicas, o que suporá un importante adianto na axilidade administrativa e confío que traia tamén máis celeridade á hora de resolver os expedientes e os asuntos que tramita o Concello”.
A efectos de acadar unha posta en marcha o máis áxil e eficaz posible, o alcalde mantivo este luns a mediodía unha xuntanza con empregados municipais que de un xeito ou doutro van estar implicados na administración electrónica.

González Barcia indicou que a empresa encargada de instalar as aplicacións informáticas correspondentes é Auloce, S. A., por importe de 22.651euros incluido IVE, que resultou a empresa adxudicataria logo de levarse a cabo un procedemento negociado. Este importe inclúe a asistencia técnica das aplicacións durante tres anos así como a realización de once sesións de formación do persoal do Concello.

O rexedor burelés foi moi crítico coa Deputación: “Gómez Besteiro anunciou en 2008 que a Deputación de Lugo implantaría a administración electrónica en todos os Concellos da provincia, e non o fixo. É máis, por lei agora compételle facelo e segue sen cumprir. E como Besteiro non cumpre coas súas obrigas legais, resulta que o Concello de Burela ten que gastarse os 22.651euros euros, para implantar o que outros non implantaron”.

Barcia preguntouse “a qué se destinaron realmente e a qué se destinan os 25 millóns de euros que suman os dous programas Innóvate. Porque nos Concellos non se investiron”.

Exit mobile version