O concelleiro de Cultura de Foz, Ánxel Paleo Soto, explicou que “a programación dará comezo este próximo sábado, día 24, coa obra O príncipe e o parrulo, da compañía Eme2 emoción&arte, que conta a historia de dúas personaxes que descobren o divertido que é compartir cousas coma xogar, falar e decatarse do que é ter un amigo. O sábado 7 de marzo, a compañía Trompicallo tráenos a obra Rumpelstikin / O anano saltarín, que nos conta a pobreza que sufre un pobo despois dun ano malo de colleitas e de pagar os impostos ao seu rei. Xa o sábado 11 de abril, Sarabela Teatro achéganos a comedia O último dragón, que narra a historia do último dragón cunha princesa e un neno onde os tres dan forma a unha historia de amizade. Para rematar o semestre, o sábado 9 de maio teremos unha representación musical titulada A nena e o Grilo no país das apertas, unha obra que trata de achegar aos rapaces contos a través de cancións ao fío da amizade dunha nena e un grilo”.
Ánxel Paleo aclarou que “todas estas obras representaranse na Sala Bahía a partir das 18:00 horas da tarde e estarán dedicadas ao público infantil. Con elas tratamos de achegar aos rapaces sobre todo o que é a amizade e o esforzo na nosa vida. A entrada terá un pequeno custe de 2,50 euros para o público en xeral e de 1,50 euros para os menores de 12 anos. Dende o Concello esperamos que os veciños gocen destas obras”.