Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro asegura que “a tramitación do PXOM de Viveiro está paralizada en Patrimonio”

A última reunión de traballo coa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural tivo lugar en marzo do ano pasado coa asistencia da alcaldía de Viveiro, o arquitecto municipal e os voceiros dos distintos grupos municipais, acordouse que sería a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural quen, tras analizar as propostas municipais de modificación con respecto ao informe de Patrimonio sobre o PXOM, presentadas nese día e que se enviarían en formato dixital, convocaría unha nova reunión de traballo.

“A pesar de que o documento en formato dixital -coas modificacións propostas polo Concello de Viveiro- foi enviado en maio do ano pasado, a día de hoxe continuamos a agardar que a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural convoque, tal e como se acordara, unha nova reunión de traballo”.

“Ao longo destes meses foron numerosas as chamadas e escritos dirixidos a esa administración, nos que esta alcaldía solicitaba que se convocase a reunión para poder continuar coa tramitación do PXOM. Como se indicaba nun deses escritos, esa reunión de traballo é necesaria para expoñer as consideracións dos representantes políticos e técnicos municipais con respecto aos informes emitidos por Patrimonio. Ante a falta de resposta por parte da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e tendo en conta que esta Alcaldía tiña solicitada unha cita co Conselleiro de Cultura, Educación e Protección da Comunidade para falar doutros asuntos, incluso se contactou co seu gabinete para incluír, na orde do día da cita solicitada, os problemas que este concello está a ter coa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural para a tramitación do PXOM”.

“Con esta relación dos feitos acontecidos preténdese demostrar, tal e como se dixo noutras ocasións, que a tramitación do PXOM de Viveiro está paralizada en Patrimonio. Ante a preocupación e insistencia desta Alcaldía por axilizar a tramitación dun documento de vital importancia para o desenvolvemento municipal, tal e como pode constatarse nos antecedentes descritos, a administración autonómica responde con total pasividade; ao longo destes meses, desoíu as nosas solicitudes, mediante as que unicamente se pretende que se convoque unha reunión de traballo que permita avanzar na tramitación, e mesmo remitiu oficialmente un informe negativo –en contra das afirmacións realizadas pola administración autonómica, que se apurou en desmentir o carácter do mesmo-, provocando novas demoras”.

“En definitiva, esta é unha mostra máis do desgoberno da Xunta de Galicia, unha forma de facer política que este concello xa sufriu noutros temas e que non conseguirá mermar o empeño desta Alcaldía por sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Viveiro”.

Exit mobile version