Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello Ribadeo presenta en Madrid a campaña de promoción turística #Ribadeoxqsí

Ribadeo, 28 de xaneiro de 2015. #Ribadeoxqsí é o slogan da campaña de promoción turística que o Concello presentará este xoves en Madrid coincidindo coa Feira Internacional de Turismo.

Na Casa de Galicia terá lugar este acto a partir das 20.00 horas. Alí presentarase a páxina web de Turismo, o novo vídeo de promoción de Ribadeo e a campaña coa que Ribadeo se presenta vivo na rede #Ribadeoxqsí. Na quenda de intervencións tomarán a palabra o director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo, Ana Martínez, e o presidente de Acisa, Roberto Ramos. A continuación realizarase unha conexión con “embaixadores” ribadenses que se atopan en New Jersey, en Texas, en Uruguay, en Suiza e en Londres aos que saudarán os presentes na Casa de Galicia.

O acto estará aberto a todo o público que queira asistir a esta posta de largo de #Ribadeoxqsí, “ademais de a ribadenses que viven en Madrid, a empresarios vinculados con esta terra, a xornalistas, a amantes de Ribadeo”, explicaba Ana Martínez hai uns días. Os asistentes terán a oportunidade de participar nun photocall para despois compartilo nas redes sociais. Tres establecementos hostaleiros de Ribadeo: Casa Pepe, La Solana e O Cabazo, serán os encargados de ofrecer un pequeno cóctel aos asistentes no hall da Casa de Galicia. Ademais durante ese photocall os invitados poderán sacarse fotos posando con imaxes típicas de Ribadeo e que representen o Ribadeo natural, cultural, vivo e próximo.

Todas as persoas que o desexen poderán seguir en directo vía streaming este acto na seguinte dirección: http://tv.novamediastream.com/turismo-ribadeo/.

Xuntanzas de traballo en Fitur
A delegación do Concello de Ribadeo que se atopa en Fitur desde a mañá deste mércores estivo a manter xuntanzas con Iberia, Turkish Airlines e Españavisión para ofrecerlles Ribadeo como destino a visitar. Segundo a concelleira de Turismo “cos responsables de Españavisión, que xa teñen unha ruta por Asturias que chega ademais á praia das Catedrais, teremos unha xuntanza despois desta feira para falar da posibilidade de darlle maior empaque a esa visita ao areal ribadense. Con Iberia, cos responsables da zona norte, analizamos as posibles colaboracións a establecer para mellorar este destino para viaxes de incentivos e de congresos. Tamén falaremos nunhas semanas. E con Turkish Airlines, que coñecen a praia e gústalles moito segundo nos comentaron, falamos de volver reunirnos para ver a posibilidade de empregar a imaxe das Catedrais para a súa promoción nos vós que realizan entre Santiago-Bilbao-Estámbul e nos que realizarán a Portugal”. As xuntanzas de traballo continuarán mañá e o venres con outras empresas e touroperadores.

Ana Martínez asistiu tamén esta tarde á presentación do vídeo promocional da Mancomunidade de Municipios da Mariña.

Exit mobile version