Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Burela afirma que “o BNG está deslexitimado para dar leccións de economía municipal”

Burela, 24 de xaneiro de 2015. O equipo de goberno do Concello de Burela asegurou este sábado que “o BNG local está absolutamente deslexitimado para dar leccións sobre cómo levar a economía municipal, xa que contribuíron decididamente a endebedar o Concello durante catro anos e polo tanto deben estar caladiños nestes asuntos”.

Desde o goberno do Partido Popular afirman que “no bipartito, o BNG dispuxo de partidas inxentes, mesmo de 350.000 euros, para gastos diversos en determinadas delegacións, que se gastaban sen ningún tipo de control. E foron os edís os que de forma decidida retiraron as subvencións aos colectivos e asociacións, aínda que financiaban baixo corda aos colectivos que lles eran obedientes e afíns”.

“Por riba, o concelleiro Sr. Pillado minte descaradamente cando dá datos sobre a regra de gasto, e se esquece que este goberno paga relixiosamente o que debe, paga en tempo e forma, e non gasta máis do que ingresa, algo que eles non fixeron en absoluto”, engaden desde o equipo de goberno.

No tocante ás sentencias sobre modificacións de condicións de traballo de dous profesores da Escola de Música, o goberno local asegura que “Pillado só está a defender determinados intereses persoais, sen mirar polo interese colectivo da Escola de Música. O goberno local acata as sentencias xudiciais e por suposto as cumprirá, como non pode ser de outro xeito tal e como marca a lei, pero non consentiremos que nunha sesión plenaria ningún membro da Corporación critique a actuación de ningún traballador municipal como fixo o Sr. Pillado co Director da Escola de Música. O Sr. Pillado debería ser máis obxectivo e valorar o interese xeral da Escola de Música porque vería que co actual director, que o leva sendo desde hai moitos anos, a Escola aumentou o número de profesorado e polo tanto a súa oferta educativa, se fundou e arrancou a Xoven Orquestra Municipal, se montaron eventos como A viaxe de Brandán, etc, algo que o Sr. Pillado e algún máis ignoran por que non asisten aos actos que organiza a Escola de Música”.

Segundo o goberno municipal, o Sr. Pillado “non é máis ca un mandado que está sendo usado reiteradamente de monicreque nos plenos para defender os intereses persoais e particulares de determinado profesor da Escola, membro do seu partido, e que accedeu no seu momento, co goberno bipartito, ao posto de traballo que ten a través dun proceso escuro e que naceu viciado porque as bases de contratación estaban preparadas de forma evidente para que así fose. Este goberno municipal non vai consentir ningún tipo de presión do Sr. Pillado nin do BNG sobre o director da Escola nin sobre o profesorado, nin por suposto sobre a mesma Escola, e lembrámoslle ao Sr. Pillado que as decisións co claustro da Escola de Música son tomadas cunha ampla maioría absoluta, maioría absoluta que nunca conta, iso sí, co apoio do profesor que defende o Sr. Pillado, o que nos leva a concluír que este profesor ao mellor quere impedir o normal funcionamento da Escola”.

Para o equipo de goberno, “pedir a dimisión da concelleira de Cultura demostra a pouca axilidade política dun Sr. Pillado que só busca o titular, un home que demostrou vivir fóra da realidade cando hai uns meses reclamou que comezaran as obras da nova gardería cando xa levaban quince días andando, e que no pleno do pasado xoves demostrou descoñecer absolutamente a forma de funcionamento da actual gardería, dando , unha vez máis, un espectáculo moi pouco edificante sobre a forma de facer oposición, e demostrando que o BNG ten perdidos totalmente os catro puntos cardinais”.

Exit mobile version