Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo reunirase en FITUR con 20 axencias de viaxe

Mondoñedo, 24 de xaneiro de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo continúa coa súa aposta para potenciar o turismo na localidade e, dentro desta liña de traballo, participará a próxima semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde teñen programadas reunións con máis de 20 axencias de viaxe.

Para os populares o obxectivo é vender Mondoñedo de forma global, “incluíndo todas as súas actividades e recursos, baixo un concepto integrador”, e facelo a partir da coordinación con todos os axentes implicados (hostalería, sector privado, axencias de viaxe…). Neste senso, Candia agradece a colaboración de establecementos do municipio e invita a participar a Aciam, que tamén trasladará a súa proposta para buscar fórmulas de colaboración.

“É indiscutible o valor que ofrece a localidade, e para potenciala é imprescindible ordenar todos os seus recursos”, así o explicou a voceira dos populares locais, Elena Candia.

Con este obxectivo, os populares participarán nas reunións e utilizarán como referencia os instrumentos que hai neste momento como son mapas e outras presentacións, elaboradas tanto dende o Concello como dende a Mancomunidade da Mariña lucense.

Implicación do PP de Mondoñedo co sector turístico
Os populares continúan, polo tanto, a sacar adiante fórmulas activas e integradoras de colaboración coa única finalidade de seguir a traballar para conseguir atraer visitantes e turistas á localidade, creando sinerxías e invitando á participación aos sectores afectados.

O Partido Popular de Mondoñedo creara xa unha mesa de traballo para a través de expertos en turismo analizar as liñas estratéxicas do desenvolvemento do sector no municipio; realizando un traballo directo con representantes da Ribeira Sacra e que permitiu, por exemplo, que Mondoñedo se incluíse dentro de paquetes turísticos elaborados por unha axencia.

Ao traballo a prol do fomento do turismo, contraponse a actitude chea de incumprimentos do goberno local; que non é quen de sacar adiante as actuacións previstas no Plan de dinamización turística local 2013-2017.

Exit mobile version