Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG e a executiva provincial arroupan a Jaime Cancio na súa presentación como candidato á alcaldía de Foz

FOZ, 25 DE XANEIRO DE 2015.- O PSdeG, da man da secretaria de Organización –Pilar Cancela-, e a executiva provincial, coa intervención do seu secretario Xeral –Juan Carlos González Santín-, arrouparon este domingo a Jaime Cancio na súa presentación como candidato do Partido Socialista á alcaldía de Foz. Deste xeito, tanto a executiva nacional galega como a que dirixe Santín e a local, con José Ramón Val á cabeza, amosaron publicamente o seu respaldo ao alcaldable, quen se comprometeu a “gañar este partido dende o minuto un ata o noventa”.

Pilar Cancela subliñou que “cando vexo que un está comprometido, cando vexo que un cre no que fai e que defende uns principios e uns valores, faime pensar que isto pinta moi ben”. Na mesma liña, interviron o secretario xeral da agrupación local e o secretario Provincial. Concretamente, este último, indicou que “os veciños de Foz hoxe están de festa porque temos esta presentación, a presentación do noso candidato, a presentación do que vai ser o próximo alcalde deste concello. Jaime tes todo o meu apoio, tes todo o apoio da executiva e tes todo o apoio do Partido”, manifestou Santín.

Pola súa banda, Inés García de Unifoz destacou o compromiso de Cancio que, “durante todo este tiempo, ha trabajado para sumar esfuerzos y mejorar las condiciones de vida de nuestros vecinos”. Deste xeito, “e porque o lema, tal e como explicou o propio Cancio, non vai a ser Quero Foz, coido Foz, senón que será traballo para Foz, traballando por Foz, traballando e pensando para o veciños de Foz”, os principais eixos de actuación do programa son os seguintes: elaboración dun plan de emprego, “tal e como está a facer a Deputación”; mantemento e coidado dos accesos e pistas; construción dunha EDAR dimensionada para os veciños de Forxán e de Marzán; atender no concello aos veciños sen cita, a diferenza do que está a acontecer agora; contestar en menos de cinco días todos os escritos que os cidadáns presenten nas dependencias municipais; adxudicación das obras a través dun concurso aberto; organizar e dignificar o traballo dos empregados municipais; potenciar o turismo “dende o 1 de xaneiro ao 31 de decembro”; mellorar as instalacións do polígono industrial; transparencia da xestión municipal a través da páxina web; potenciación da liberdade de expresión; elaboración dun plan de dinamización para a r/ Paco Mañón e dun plan de tráfico e sinalización; mellora da axuda no fogar, cubrindo as baixas antes de cinco días; compensar a suba do IBI que, voluntariamente, fixeron o Goberno Central e a entidade local; e modificar o Plan Xeral. Por iso, o candidato socialista sinalou que o lema non vai ser Quero Foz, coido Foz. Será: traballo para Foz, traballando por Foz, traballando e pensando para o veciños de Foz”,

Etapa superada
A este respecto, no transcurso do acto, que contou con máis de 200 asistentes, o dirixente dos socialistas lucenses non dubidou en manifestar o seu convencemento de que “mereceu a pena todo o que pasamos para chegar ata este momento”. “É certo que nos últimos meses tivemos moito ruido, pero a min non me gusta o ruido, gústame o traballo, o esforzo, a responsabilidade e a seriedade. Todos sabemos que para navegar seguros necesitamos levar nos mandos ao mellor capitán e a mellor tripulación. E nós témolo”. E é que o Partido Socialista, dixo, “non é de ninguén. O Partido Socialista non é o cortixo de ninguén nin de quen decide quen entra nin quen sae. O Partido Socialista é de todos e de todos os que queiran sumar e non restar”. Deste xeito, Santín dá por concluída unha etapa, “na que intentei desequintar un problema que existía nesta agrupación. Canseime de falar cos dun lado e cos do outro. Escoitei a todos. Nunca dixen que non a ningunha conversa. A executiva provincial nunca se agochou. Sempre demos explicacións onde tivemos que dalas”.

Con estas palabras, o secretario Provincial ratificou e apoiou as verbas do seu compañeiro no Parlamento José Ramón Val quen, previamente, engadiu que “hoxe poñemos punto e final a unha etapa complicada”. “Tivemos a sorte de elexir ao noso candidato dunha forma democrática, a través do voto directo de todos os militantes e sen coacción”, aínda que tamén recoñeceu que “me houbese gustado que participasen aquelas persoas que, simplemente por razóns de carácter persoal, decididiron marcharse levando a acta de concelleiros. E me houbese gustado que participasen incluso cunha candidatura alternativa para que os militantes puidesen elexir”. Sobre este mesmo asunto, a secretaria de Organización da executiva nacional galega tamén foi contundente: “quen berre, que berre fóra. Os que estamos dentro seguimos traballando”.

O PSOE, a solución
Tanto, a secretaria de Organización, como Santín e Val e, por suposto, o propio Cancio, coincidiron en sinalar que, dado o momento político actual, o Partido Socialista é a solución. “Estamos baixo lupa, pero non permitades que vos digan que todos somos iguais, porque isto é o discurso orquestado polo Partido Popular. Temos que sentirnos orgullosos de haber construído a parte positiva deste país. O Partido Socialista foi o que permitiu que calquera que quixera estudar o puidera facer porque era gratuíto, ou o que creou o sistema de pensión. Por iso temos que estar aí, loitando e traballando no día a día porque este país nos necesita”, indicou Pilar Cancela.

Pola súa banda, José Ramón Val engadiu que “temos que recuperar a cercanía que se perdeu nos últimos tres anos dende que goberna o PP en Foz; tres anos nos que aumentaron os parados, se reduciron os servizos públicos e aumentaron as taxas e os impostos, cun alcalde que non é capaz de executar aquelas subvencións que nos dan outras administracións para fortalecer os servizos básicos do concello. E é que, tal e como suliñou Santín, “tendo todo ao seu favor na Xunta e no Goberno, non foi quen de facer nada, absolutamente nada, polos seus veciños. En Foz foron catro anos perdidos e non nos podemos permitir o luxo de seguir perdendo anos”, afirmou.

Pero tamén é o momento e a oportunidade, sinalou o secretario Provincial, para “desbancar a este PP que tanto dano lle está causando á Mariña, á provincia, a Galicia e a España”. Neste caso, Santín non dubidou en criticar e denunciar as accións dos Gobernos autonómico e estatal. “Sabedes que ultimamente o presidente da Xunta e os seus conselleiros non deixan de pasearse pola Mariña. Son como os actores de Verano Azul, acordádesvos daquela serie, na que cada verán eran os mesmos capítulos e os mesmos actores….? Neste caso, tamén temos actores. Temos a Feijóo, temos a Balseiro, temos a Raquel Arias, temos aos conselleiros…. sempre os mesmos…. E, como capítulos, tamén sempre os mesmos: o Corredor, o Hospital, os accesos ao Porto de Burela…. E o final, tamén sempre é o mesmo, como a morte de Chanquete: nunca cumpren o que prometen”.

“Non me podedes negar que o capítulo estrela desta Xunta foi o Plan Director da Costa. Ata 6 veces nolo prometeron e volo prometeron, pero os compromisos e as obras, compañeiros e compañeiras, non se fan con papel, fanse con cemento, con máquinas e traballando; traballando como sempre fixemos os socialistas e como fai e fará Jaime Cancio, a partir do 24 de maio”, engadiu.

Santín tamén denunciou o abandono do Executivo galego aos sectores produtivos da comarca, e que son fundamentalmente o agro, a pesca, e o turismo. Pero, para o dirixente dos socialistas lucenses, o máis importante de todo é que, ”en vez de crear novas oportunidades laborais, as destrúen”. Mentras en abril de 2009, data na que Feijóo tomou posesión como presidente da Xunta, a Mariña tiña 3.965 desempregados, hoxe esta cifra supera os 5.000. Isto supón, dixo, que esta comarca conte con 1.084 mariñanos máis no paro dende que goberna Feijóo. “É dicir, que o presidente autonómico conseguiu que cada exercicio que leva dirixindo a Xunta – e leva seis- se destruisen180 empregos por ano. Ou o que é o mesmo que, en seis anos, o paro aumentase na Mariña un 21,5%”, sinalou.

Pero é que, ademais, sinalou, “este PP que temos vetou todas e cada unha das emendas que presentamos os socialistas no Congreso e no Senado para impulsar Foz e a comarca”. Trátase da partida de 500.000 euros para a N-636 (variante Mondoñedo); dos 2 millóns de euros para a A-82 de Barreiros a San Ciprián; do 1,4 millóns para o impulso da Mariña de Lugo ou dos 500.000 euros para a protección e recuperación de sistemas.

Por tanto, para o secretario Provincial “se Foz e A Mariña resisten non é polos alcaldes do PP, nin pola Xunta de Feijóo, nin polo Goberno de Rajoy. É polo empuxe e o esforzo dos seus cidadáns”. Por elo, manifestouse convencido de que “hoxe, Cancio, os vecinos necesítante máis ca nunca, necesitan ao Partido Socialista. Estamos á túa disposición. Ánimo e como dicía un compañeiro que xa non está connosco, pero que foi clave neste comarca, refírome a Melchor Roel, saúde e república”.

Exit mobile version