Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela denuncia o mal estado da beirarrúa da rúa Castelao “impracticable dende fai 2 anos”

beirarrúa-burelaA executiva do PSdeG-PSOE de Burela denuncia “unha vez máis, a desidia e a deixadez do equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela que demostra, como o leva facendo dende que chegou ó goberno: unha falla de resolución dos problemas dos veciños e veciñas de Burela que é un insulto para os mesmos”.

No boletín informativo que dende o PSdeG-PSOE de Burela sacamos cando se fixeron os dous anos de “desgoberno” do Partido Popular en Burela xa denunciábamos a situación na que se atopaba un tramo de beirarrúa na Rúa Castelao, pois ben, a día de hoxe aínda está no mesmo estado no que se denunciaba daquela. Esta beirarrúa leva máis de dous anos nun estado lamentable e impracticable, o que orixina que se poña en risco a seguridade e a saúde dos que por alí se ven obrigados a circular, obrigando ós veciños e veciñas que levan carros de bebés ou da compra a ter que meterse na propia rúa para poder circular, poñendo en risco a súa seguridade. Pero ademais disto, no pasado mes de xuño os veciños e veciñas afectadas presentaron un escrito no Concello alertando desta situación ante a pasividade deste equipo de “desgoberno” en resolver este problema, e sete meses despois a situación segue sen arranxarse, a nosa pregunta é: que teñen que facer os veciños para que se atendan as súas demandas?.

Resulta chocante a celeridade coa que o Concelleiro de Obras arranxou a rúa do seu chalet cun custe de 22.705,86 euros, e cun sobrecusto nesa obra de máis de 6.000 euros o que fai unha suma de preto de 30.000 euros de todos os veciños e veciñas de Burela, e que non haxa ninguén que sexa capaz de ir poñer corenta plaquetas nunha beirarrúa que da servizo a moitos veciños e veciñas. Isto demostra ben ás claras o interese que ten este equipo de “desgoberno” polos veciños e veciñas. É evidente que para este equipo de “desgoberno” hai veciños de primeira e de segunda, que debe ser o caso dos veciños da Rúa Castelao.

Por medio desta nota de prensa esixímoslle ó equipo de “desgoberno” do Partido Popular que arranxa dunha vez esta situación, situación que demostra que este “desgoberno” goberna de costas ós veciños e veciñas centrándose única e exclusivamente en arranxar ós seus problemas e os seus intereses persoais.

Exit mobile version