En canto aos datos do último ano (de xaneiro a decembro), foron 622 as persoas que se achegaron a depositar diferentes materiais voluminosos ou contaminantes. Destas cifras despréndese que no 2014 houbo unha media de 52 entradas de residuos ao mes. Neste sentido hai que destacar que xullo e agosto foron os meses de máis actividade, con 80 e 82 usuarios respectivamente, superando a media mensual.
Tamén cabe especificar que o número de accesos foi aumentando paulatinamente dende a apertura desta instalación ata o día de hoxe, de forma que o balance é “muy positivo, ya que poco a poco la utilización del Punto Limpo se va introduciendo como una rutina habitual, de forma que se evitan los vertederos incontrolados y demostrando una creciente preocupación por el medio ambiente”, asegura a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, que anima á poboación a seguir facendo uso del.
A edil lembra que o Punto Limpo é un servizo público e gratuíto, aberto os martes e os xoves de 08.00 a 15.00 horas xestionado polo Concello e ao que os veciños poden levar uns determinados tipos de residuos que non se poden depositar nos contedores de lixo tradicionais. Unha vez alí, o persoal encargado fai unha clasificación e deposita os residuos no contedor correspondente (hai ata 28) segundo a súa tipoloxía. Despois son os xestores autorizados os que se encargan de recollelos, transportalos e darlles un tratamento axeitado e respectuoso co medio ambiente.
No Punto Limpo de Cervo pódense depositar residuos voluminosos, como sofás, colchóns e demais mobles; residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, como electrodomésticos ou lámpadas; restos metálicos do fogar; vidros de construción e planos; residuos perigosos como pilas, CD ou radiografías; e pinturas, aerosoles, tóners de impresora, plásticos agrícolas, entullos de obras menores entre outros.
É importante aclarar que só se poden deixar os residuos no interior e durante o horario de apertura, quedando totalmente prohibido deixalos na porta ou no contorno. O operario á fronte do Punto Limpo poderá orientar aos usuarios sobre o tipo de residuos permitidos ou calquera outra consulta. A o mesmo tempo, existen residuos que non se poden depositar, como é o caso de obxectos radioactivos, sanitarios, explosivos, industriais ou mesturados.
*Fotografía dunha visita feita por escolares do municipio ao Punto Limpo dentro da campaña de concienciación posta en marcha polo Concello o ano pasado.