Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vicepresidente da Deputación participará na homenaxe a Manuel Candia López e na presentación do libro ‘O valor do noso’ en San Ramón da Vilaestrofe

veiga-vilaestrofeLugo, 8 de xaneiro de 2015. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participará este sábado en Cervo na presentación do libro de Paco Piñeiro ‘O valor do noso’, un volume que narra a historia da parroquia cervense de San Román de Vilaestrofe dende a época prerromana e cuxos 600 exemplares foron editados grazas a achega de 9.000 euros da Área de Cultura e Turismo do organismo provincial, que dirixe Mario Outeiro.

Esta publicación tamén serve para homenaxear a Manuel Candia López, un dos veciños que colaborou en moitos proxectos da súa vila natal pese a estar emigrado no sur da Arxentina. El foi quen doou os cartos para que se erguera a escola de Vilaestrofe, de cuxa construción se cumpriu un século o pasado 1 de xaneiro e que naquel tempo pasaba por ser a mellor escola da provincia de Lugo. Ás 16.30 horas, previamente á presentación do libro no pavillón de Cervo, que se desenvolverá dende ás 17.00 horas, descubrirase un busto en homenaxe a Manuel Candia fronte ao grupo escolar de San Román. O busto foi creado en bronce polo escultor e catedrático de debuxo valenciano Juan Puchades, afincando dende hai moitos anos en Mondoñedo.

Veiga salientou o traballo conxunto levado a cabo pola Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe, os artífices de que este obra vexa a luz e se celebre a merecida homenaxe a Candia. “O propio nome desta iniciativa resume un orgullo colectivo polo que somos como pobo, por unha historia, unha cultura e unha lingua común que herdamos e temos a obriga de manter nas novas xeracións. Recuperar a historia de San Román é parte desa labor. A idea de publicar este libro partiu dun grupo de veciños de San Román de Vilaestrofe e contou coa colaboración activa do edil nacionalista Xoán Estua, polo que quero felicitar a todos os veciños e veciñas de San Román por este traballo en común”, indicou.

O vicepresidente da Deputación tamén gabou a figura de Manuel Candia. “Na súa mente xa estaba que no ensino está a base do futuro. Era o mellor agasallo que podía facer ao seu pobo e hoxe debemos seguir reivindicando e defendendo un ensino público e de calidade que chegue a todos os nenos e nenas por igual”, aseverou.

Veiga tamén recordou a importancia do traballo comunitario e dos emigrantes, xa que, por exemplo, fora outro indiano o que asumira os custos de construír a estrada que une a parroquia con Cervo. “Nestes tempos de individualismo desmedido é moi necesario lembrar iniciativas que noutro tempo aglutinaron a todos os veciños e veciñas a favor dun ben común”, concluíu.

Exhaustivo traballo de documentación
Neste volume ofrécese un exhaustivo traballo de documentación sobre a historia desta parroquia cervense, desde a época prerromana ata a actualidade. O autor, Paco Piñeiro, destacou “a riqueza cultural que ten San Román, xa que chegou a ser un centro punteiro no eido cultural, grazas á posta en marcha no século XX do centro cultural, o teleclub, e mesmo conseguiran premios a nivel estatal pola súa colaboración veciñal”, explicou.

Inauguración dunha mostra de 300 fotografías
O sábado pola tarde, ás 16 horas, tamén inaugurarán unha mostra formada por máis de 300 fotografías a tamaño grande, plastificadas e repartidas polo interior da escola. Alí tamén se proxectarán uns vídeos retrospectivos. O encargado de presentar todos estes actos será o xornalista Xulio Xiz.

*Foto de arquivo: durante unha reunión mantida o 3 de outubro no local social da Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe.

Exit mobile version