Site icon Crónica3.com A Mariña

Os graves problemas que afectan aos pobos do Sur, fóra das preocupacións da Presidencia letona da UE

Estrasburgo, 14 Xaneiro 2015. Durante a presentación da Presidencia letona do Consello Europeo para o primeiro semestre de 2015, realizada este mércores durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo (PE) que está a ter lugar esta semana en Estrasburgo, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda Lídia Senra, denunciou na súa intervención a ausencia de medidas específicas para os pobos do sur da Unión Europea (UE) no programa de actividades dado a coñecer hoxe pola nova presidenta, a primeira ministra letona Laimdota Straujuma.

“Na Unión Europea, sobre todos nos pobos do sur, Galiza entre eles, moitas persoas sofren a pobreza, fame, marxinación e exclusión social”, lembrou, “non cree que debería ser un obxectivo da Presidencia letona traballar para poñer en marcha a Renda Básica Universal?”.

Senra reiterou que o dereito á saúde “xa non se garante a todas as persoas”, salientando a gravísima situación que na actualidade están a sufrir as persoas doentes de Hepatite C, que non poden acceder aos medicamentos que precisan porque actualmente na UE “a especulación e a Troika están por riba dos dereitos das persoas”.

Diante deste ataque aos máis elementais dereitos humanos, a eurodeputada galega demandou a Straujuma que estableza como un dos principais obxectivos da súa presidencia “traballar para recuperar os servizos públicos e garantir o acceso a eles por parte de toda a poboación”.

Por outra banda, centrándose nos obxectivos a establecer na Política Agraria Común (PAC) durante os seis meses de presidencia letona do Consello da UE, Senra recalcou que “hai unha grande preocupación no sector” diante da finalización das cotas leiteiras o vindeiro 31 de marzo, plantexándolle a Straujuma a necesidade de “rectificar e manter unha política pública para o control da produción”.

A eurodeputada de AGEe concluíu a súa intervención aludindo ao inminente proceso electoral grego, subliñando o apoio da esquerda europea ao mesmo: “Sumarémonos ao vento do sur que chegará de Grecia con Syriza para empurrar as mudanzas que tanto precisamos”, alentou.

Exit mobile version