Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz denuncia que Goberno e Xunta só executaron un 5% das actuacións de desenvolvemento rural previstas e orzamentadas para a provincia

Madrid, 20 de xaneiro de 2015.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz acaba de recibir unha resposta parlamentaria na que o Goberno confirma que se executou tan só un 5% das actuacións de desenvolvemento rural para a provincia de Lugo que o Goberno e a Xunta de Galicia aprobaron e presupostaron nun convenio que asinaron en xuño de 2012.

Segundo o devandito convenio, Goberno e Xunta deberían executar en cinco anos, dende 2012 ata 2016, o 100% de distintas actuacións de desenvolvemento rural en diferentes zonas das Mariña, Lugo Central, Lugo Sur e a Montaña Lucense, cun presuposto total de 57.764.160,5 euros.

Non obstante, Pérez Herraiz denuncia que “segundo recoñece o propio Goberno, cando pasaron xa 3 dos 5 anos de prazo, do presuposto total se executou tan só 2.887.245,98 euros, o que supón un exiguo 5% “.

Do presuposto total de 57,7 millóns de euros para actuacións de desenvolvemento rural na provincia de Lugo reflectido no Convenio, 6,2 millóns de euros son para actuacións na Mariña, 26,5 millóns de euros para diversas zonas de Lugo Central, 5,6 millóns de euros para a zona Sur de Lugo e 19,3 millóns de euros para actuacións na montaña lucense.

Non obstante, o Goberno recoñece que para A Mariña só se executaron actuacións por 179.039 euros, o que supón que un grao de execución do 2,85% sobre os 6,2 millóns presupostados. Respecto á zona central de Lugo, só executáronse 435.757 euros (un 1,64% de 26,5 millóns presupostados). Na zona sur só executouse un 2,80% por 157.191 euros, e na montaña lucense executouse un 9,04% con 1,7 millóns dos 19,3 de presuposto.

Pérez Herraiz lamenta “a falta de execución de actuacións de desenvolvemento rural que son moi necesarias nunha provincia como Lugo, cun elevado grao de envellecemento e zonas practicamente desérticas que requiren a promoción de plans que fixen poboación,”. Recorda así que a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en Lugo é un 28,36%, fronte ao 23,58% en Galicia e o 18,06% en España. En canto a maiores de 80 anos, a porcentaxe sitúase en Lugo no 11,01% fronte a un 7,91% en Galicia e un 5,67% en España. “E o dato máis importante para o futuro da provincia -apunta a deputada- é desesperanzador: os menores de 15 anos son na provincia de Lugo só un 9,76%, fronte ao 11,89% en Galicia e o 15,04% en España,”

“As actuacións de desenvolvemento rural son esenciais na provincia de Lugo dende un punto de vista ambiental, económico e demográfico” -incide e apunta que os socialistas intentaron introducir nos Presupostos do Estado de 2015, mediante unha emenda, un Plan Demográfico para as provincias de Lugo e Ourense dotado con 10 millóns de euros, pero o PP o rexeitou.

A deputada socialista reprocha ao Goberno -que financia o 50% das actuacións do Convenio asinado coa Xunta- a súa “falta de compromiso respecto á vixilancia do cumprimento da execución das actuacións aprobadas e presupostadas por ambas as dúas administracións”. Así mesmo, insta á Xunta a “que actúe con responsabilidade” pois, apunta, que o devandito Convenio establece que a falta de xustificación de execución de fondos por parte da Xunta de Galicia leva consigo a perda dos fondos que achega o Estado. Neste sentido, advirte mesmo da posible perda de fondos europeos.

Pérez Herraiz sostén que “os socialistas seguiremos atentos para procurar o cumprimento do Convenio” e avanza a presentación no Congreso de novas iniciativas parlamentarias a este fin.

Exit mobile version