Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz pide ó Goberno medidas para corrixir a perda de peso dos portos galegos

Madrid, 27 de xaneiro de 2015.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz rexistrou no Congreso unha iniciativa parlamentaria coa que lle pide ao Goberno a adopción de medidas para corrixir o descenso de actividade nos portos de Galicia, especialmente nos portos da Coruña e Vigo.

Pérez Herraiz sinala que, segundo os datos publicados pola entidade Portos do Estado, desde xaneiro a outubro de 2014, o tráfico de mercancías tivo un incremento do 4,2% no conxunto dos portos de España. Con todo, nos portos de Galicia ese incremento foi do 1,01%.

O incremento de tan só o 1,01% de media nos portos de Galicia débese principalmente á forte caída de actividade nos portos de Vigo (-3,47%) e A Coruña (-1,75%), mentres os portos de Ferrol, Marín e Vilagarcía presentan un incremento do 4,1%, o 4,4% e o 6,9%, respectivamente.

Con estes datos, a deputada socialista incide en que “o sistema portuario galego está perdendo peso nos conxunto dos portos de España e pasa de representar o 6,9% do total en 2013 ao 6,6% no 2014”.

Por iso, pídelle ao Goberno “que explique como valora esta evolución negativa na actividade dos portos galegos e si ten prevista algunha intervención para modificar dita evolución”.

Así mesmo, reclama do Goberno “que tome algunha decisión para corrixir o forte descenso de actividade nos portos da Coruña e Vigo”.

Pérez Herraiz sinala que “a saída ao mar é unha vantaxe estratéxica da que dispón Galicia pola súa situación xeográfica que, con todo, nestes momentos está desaprovechada”. “Isto, unido a outras cuestións, como unha peor evolución do índice da produción industrial ou o funcionamento do sector agrario, -engade- ten como consecuencia que Galicia teña á súa vez unha peor evolución do PIB e do emprego e véxase nunha grave situación demográfica”.

Exit mobile version