Ribadeo, 26 de xaneiro de 2015. Ribadeo presentarase en Madrid coma destino turístico de referencia. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, destaca a calidade das prazas hoteleiras, a súa gastronomía e tamén o seu comercio “moderno e dinámico”. Ribadeo estará en FITUR onde o Concello manterá varias xuntanzas de traballo con diferentes empresas para captar o maior número de visitantes e viaxeiros posible e apoiará os encontros que terán tamén varias firmas ribadenses cos touroperadores. Ademais o vindeiro xoves, 29 de xaneiro, a Casa de Galicia acollerá a presentación da nova campaña de promoción turística #Ribadeoxqsi.
A edil nacionalista sinala que “Ribadeo cada día ten máis presenza e personalidade como destino turístico, tanto de proximidade, como para ese outro tipo de viaxeiros de estancia un pouco máis longa que buscan un destino diferente, tranquilo e con valores naturais importantes. Eu penso que Ribadeo ofrece iso, e ademais, temos que sumarlle a boa calidade das súas prazas hoteleiras, a súa gastronomía que é realmente espectacular, un comercio moderno e dinámico, cada vez con máis oferta de actividades de ocio das diferentes empresas de turismo activo, que cada vez tamén son máis no noso Concello. E xunto con isto, podemos engadir as numerosas actividades lúdicas coma poden ser o Ribadeo de Tapeo, o Ribadeo Indiano ou os festivais de verán. En fin, unha serie de actividades que xa de por si son bastante atractivas”.
Ana Martínez entende que “con todo este tipo de características, que realmente son froito do traballo e da aposta de moitos empresarios do sector turístico, sumado ao esforzo que dende o Concello se está a facer para que o turismo non se quede só na praia das Catedrais. Aproveitando este importantísimo recurso que fai que milleiros de persoas cheguen cada ano ao noso concello, que se queden tamén no concello e que non paren exclusivamente nas Catedrais, senón intentar dinamizar e que visiten A Devesa, pasen por Rinlo, percorran a costa cara á Illa Pancha e descubran o interior de Ribadeo, que ten espazos ben bonitos e descoñecidos, ademais do Camiño de Santiago e os numerosos servizos e comercios que oferta a nosa vila”.
A concelleira de Turismo indicou que “con todo este traballo de base feito, debemos saber comunicalo. Debemos ofertar todas as posibilidades que ten Ribadeo e lograr que cando calquera busque en primeiro lugar a praia das Catedrais, tamén poida ver todo o que se pode facer e gozar neste destino noso. Que vexa atractivo quedarse e que ademais o poida traer planificado. Entón, en base a todo isto, este ano queremos e debemos estar presentes nunha das feiras de turismo máis importantes do mundo coma é FITUR en Madrid”. Martínez subliñou que “é a primeira vez que acudimos de xeito conxunto o Concello e os empresarios, aproveitando o traballo que iniciamos xa no 2014 co Plan de Formación e Apoio para a Comercialización de Empresas Turísticas, onde se traballou de xeito individualizado cos participantes asesorando dentro dos posibles nichos de empresa para cada establecemento, buscando un pouco adecuar a onde eles deberían mandar a información atendendo á especificidade do seu establecemento, tamén lles estamos agora axudando a axendar con diferentes touroperadores en FITUR. E non soamente traballamos a nivel individual cos empresarios, senón que tamén acudiremos con Acisa para reunións de traballo xa concertadas, que son varias con diferentes axentes e touroperadores durante tres días, que poidan xerar e atraer negocio a Ribadeo, que realmente é o que estamos a buscar todos, atraer un negocio que sume e que nos axude a todos a xerar un pouco máis de economía”.
A edil de Desenvolvemento Local e Turismo engadiu que “sumado a todo isto, e aproveitando que a información turística mundial durante estes días está centrada en Madrid, sendo Madrid unha das comunidades que máis visitantes aporta ao noso concello, imos facer a presentación de Ribadeo vivo na rede na Casa de Galicia de Madrid. Coa nova páxina web de turismo, que pretende ser un novo escaparate on-line no mundo, para que calquera que busque información de como vir e que facer ou calquera outra cousa que queira descubrir de Ribadeo, poida informarse nesa páxina web, facendo que a xente poida valorar e querer vir aquí. Ademais, tamén se presentará un pequeno vídeo que resume de xeito conciso e atractivo as posibilidades que aporta o Concello de Ribadeo. Este acto terá lugar na Casa de Galicia en Madrid o xoves, día 29 de xaneiro, ás 20:00 horas, e será un acto aberto no que se convida a todas e todos os que estean en Madrid a asistir. Aos que non poidan estar alí presentes, convidámolos tamén a ver este acto en directo por internet”.
Ana Martínez contou que “dentro deste curso do que falaba, do Plan de Apoio á Formación e Comercialización das Empresas Turísticas, tres dos establecementos participantes ademais farán unha mostra da gastronomía da zona neste acto. Son: Casa Pepe, La Solana e O Cabazo. Os tres ofertarán un pequeno cóctel para os asistentes. E todo isto, ao final queremos englobalo nunha campaña de comunicación turística que se chama #Ribadeoxqsí, e o significado dese si explicarase tamén coa presentación da páxina web, aínda que eu entendo que xa de por si da un reforzo positivo ao que é Ribadeo no seu conxunto. Un si de valorización e un si de reforzo”.
A edil nacionalista explicou que “durante estes días, e ata o xoves 29, faremos unhas campañas de promoción na rede nas que convido a todo o mundo a participar e a seguirnos, aportando incluso as súas fotografías e apoiando o noso destino. Penso que si algo é importante é que entre todas e todos fagamos destino, xa que ao final isto redundará no beneficio colectivo de Ribadeo”.