Site icon Crónica3.com A Mariña

Sargadelos, tesouro de Galicia

Protexer e poñer en valor un dos monumentos arquitectónicos e culturais máis senlleiros e relevantes de Cervo, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos, é un acerto do Goberno galego que contribuirá a garantir o seu futuro.

A protección como ben de interese cultural ten como principal obxectivo garantir a importancia da propia actividade industrial e supón ofrecer un coidado reforzado e recoñecemento similar ao que xa dispón o conxunto histórico-artístico de Sargadelos.

Aínda que as primeiras xestións oficiais datan de xaneiro do ano 2013, cando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciaba o expediente para súa catalogación, esta iniciativa xurde de moito antes, do ideario de moitas xentes comprometidas cun proxecto que transcende a mera actividade empresarial.

Sargadelos foi quen de acadar esa maxia que conmove os corazóns dos galegos e nos fai sentilo como algo propio, orgullosos da calidade das súas louzas feitas con terras do país e das formas nacidas das mentes e imaxinacións máis extraordinarias.

Así o entendeu o Goberno galego, que acolleu as recomendacións de institucións tan ilustres como a Real Academia Galega de Belas Artes ou o Consello Galego da Cultura, ademais das achegas do propio Concello de Cervo.

Supón tamén, o punto de partida ideal para futuros estudos especializados sobre a espectacular obra proxectada polo arquitecto Andrés Albalat, traballos que poderán ser completados no futuro, ampliando a mirada sobre os bens que conforman o conxunto, tanto inmobles coma mobles e documentais .

Pero Sargadelos é moito máis que as súas formas, máis que as instalacións desa espectacular fábrica de planta circular. Sargadelos tamén son as súas xentes, ese inmenso capital humano, traballadores artesás que saben sacar o mellor da nosa terra e que, cómpre dicilo, non o pasaron ben nos últimos anos.Todas elas, todos eles, deben entender este recoñecemento tamén, coma unha homenaxe ao seu traballo e contribución neste gran proxecto e, oxalá, como un novo espazo de esperanza cara o futuro.

A Cerámica de Sargadelos xurdiu da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez, o marqués, nos primeiros anos do século XIX, coa inauguración dunha fábrica de louza nesa parroquia do concello de Cervo no ano 1806. Anos despois un dos fillos adoptivos máis ilustres deste concello, Isaac Díaz Pardo, recuperaba este espírito, modernizándoo e comezando deseguida unha pequena produción con deseños de Seoane.

Incardinada no que somos, na nosa historia, falamos dun tesouro de Galicia e como tal, hoxe a norma reflicte, protexe e mima o que xa fai moito tempo sentía a nosa alma, os nosos corazóns. ¡Sargadelos!

Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version