Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra cualifica de “farsa” a resolución aprobada hoxe sobre a capacidade de decisión dos estados en materia de OXM´s

Estrasburgo, 13 Xaneiro 2015. Dende onte, luns 12, e até o vindeiro xoves 15, está a ter lugar en Estrasburgo a sesión plenaria do Parlamento Europeo (PE). Na orde do día someteuse este martes a debate e votación unha moción sobre a posibilidade de que os estados membros limiten ou prohiban o cultivo de transxénicos (organismos xeneticamente modificados, OXM).

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, na súa responsabilidade como representante do grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do PE, interviu durante o debate para denunciar a “auténtica farsa” que supón este texto.

“Vostedes saben mellor ca ninguén que a suposta liberdade dos Estados para decidir sobre os cultivos transxénicos é en realidade unha imposición xeralizada da alimentación transxénica”, salientou remarcando a hipocrisía dun acordo que, baixo a apariencia da liberdade de elección, abre en realidade as portas á presión dos intereses da industria da tecnoloxía xenética sobre os estados.

“Vostedes saben tan ben coma min que non é posíbel preservar libre de transxénicos a agricultura labrega, a agricultura orgánica e convencional”, reiterou, “a non ser que nos seus delirios pensen que van poder parar o vento ou os insectos”.

Asemade, Senra reivindicou como obxectivos principais do GUE-NGL en materia de agricultura “a biodiversidade, a saúde, o medioambiente, a agricultura labrega non dependente das multinacionais, a alimentación sa e a soberanía alimentaria”, polo que esixiu a elaboración e aprobación dunha directiva europea “para a prohibición dos cultivos transxénicos”, así como “a inmediata paralización do tratado de libre comercio entre a UE e os EEUU (TTIP)” que, de ser aprobado, permitiría neste caso ás transnacionais da tecnoloxía xenética denunciar a aqueles estados que prohiban ou poñan trabas á entrada de transxénicos no seu territorio.

Exit mobile version