Site icon Crónica3.com A Mariña

Un ouro e dúas pratas para o Club de Remo Ribadeo no galego de remoergómetro

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2015. O pasado 25 de xaneiro tivo lugar no pavillón municipal de A
Malata, en Ferrol, o Campionato Galego de Remoergómetro, no que o Club de Remo Ribadeo
competiu con 16 deportistas que tomaron parte nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e
xuvenil, tanto masculinas como femininas.

A pesar de ser a primeira vez nesta nova etapa que o club se enfrontaba a unha proba oficial e deste
nivel, competindo con clubs de todo o país e máis de 400 deportistas, as remeiras e remeiros
ribadenses acadaron resultados moi positivos, traendo para Ribadeo tres medallas: dúas de ouro nas
categorías alevín e infantil feminino e unha de prata na categoría alevín masculino.

Desde a directiva, o presidente, David Rivas parabeniza a todas as nenas e nenos que participaron
nas probas, xa que “tendo en conta que comezamos cos adestramentos a mediados do ano 2014, en
só seis meses logramos poñernos á altura competitiva do resto de clubes.” Tamén destaca e
agradece o papel feito polos adestradores do Club, Mauri Monteserín e Miguel Balsa, “sen cuxo
esforzo e dedicación estes resultados non serían posibles.”

O club ribadense móstrase optimista para esta primeira tempada na que participará en competicións
en auga, agardando “grandes resultados das nosas nenas e nenos durante todo o ano”.

A directiva ribadense resalta especialmente os dous metais conseguidos polas dúas remeiras e o
cuarto posto -a só unha décima da terceira- da alevin María Díaz, e consideran que “vén a ratificar
que a liña de traballo que emprendemos na aposta e posta en valor do remo feminino está a
funcionar ben e promete grandes resultados para o remo ribadense.

Exit mobile version