Barreiros, 21 de xaneiro de 2015.- O profesor en Economía da Universidade de Oviedo –Francisco Blanco- e o secretario de Política Municipal da executiva provincial –Álvaro Santos- manterán este xoves un encontro con veciños de Barreiros sobre a importancia de que o Ministerio de Facenda revise a ponencia de valores catastrais dos concellos, co fin de que estes se adapten aos prezos actuais do mercado. E é que estes índices non se revisan neste municipio dende 2001, o que supuxo un incremento significativo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en cada anualidade debido ás actualizacións realizadas polo Goberno e a entidade local.
Trátase, en definitiva, segundo sinala a secretaria xeral do PSOE neste municipio –Carmen Veiga- e promotora do encontro-, “de informar aos cidadáns dos custos desorbitados que están a pagar polo IBI e que non se corresponden co que realmente deberían de pagar, pois o valor da vivenda deprezouse notablemente durante a crise”.
A xuntanza terá lugar no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sanpedro, a partires das 20:30 horas e, o motivo da mesma, indica Veiga, é “porque, dende que o Partido Popular está no Goberno, tanto o Ministerio de Facenda como o concello imprimiron un ritmo acelerado á revisión do catastro para actualizar o valor das propiedades e, consecuentemente, incrementar a cota polo pago do IBI”. Precisamente, esta actualización implicou unha suba do valor catastral, que, por media, se incrementa o dobre e o triple do que hai en vigor na actualidade.
Un incremento disparado
A actualización pola vía rápida do valor das construcións, coa correspondente maior cota polo IBI, é tan só a punta do iceberg da galopante metamorfose que a taxa experimentou durante a crise. Deste xeito, para a administración local, o gravamen máis vinculado á vivenda está aportando ingresos históricos froito dos “catastrazos”, xurdidos da decisión do Goberno Central de incrementar os tipos como “antídoto” á asfixia financieira dos municipios e das propias valoracións dos edificios.
Estes dous factores explican que, malia a agonía na promoción inmobiliaria, varios concellos da Mariña acumulen dende 2008 un incremento disparado da recadación por IBI, superior ao 50%. É o caso de Barreiros, Burela, O Vicedo ou Ourol.