Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Unha ollada’ das mariñáns Laura P. Rodil e Mar G. Pires e o coruñés Ángel Picos, na Casa da Cultura de Burela dende o 30 de xaneiro

Burela, 28 de xaneiro de 2015. A sala de arte da Casa de Cultura acollerá a partir do vindeiro venres, 30 de xaneiro, a exposición de pintura Unha ollada. Nela, os artistas Laura P. Rodil, Mar G. Pires e Ángel Picos mostran os seus traballos máis representativos na modalidade de acrílicos. A mostra está coordinada pola Concellería de Cultura e será inaugurada este venres ás 20.00 horas.

Na mostra participan dous artistas da Mariña e un da Coruña. Laura P. Rodil é natural de Burela e unha das xoves pintoras dedicadas á técnica do acrílico en Galicia. A través das súas obras intenta mostrar ao mundo as pequenas paisaxes que previamente acostuma a captar co obxectivo da súa cámara fotográfica. Mar G. Pires procede de Ribadeo e é unha pintora costumista que utiliza a pintura como medio para manifestar as súas experiencias. O elemento principal da súa obra é o mar, ámbito no que intenta buscar o equilibrio entre luces e sombras para acadar a súa propia realidade. E Ángel Picos naceu en Cedeira e a través da sutileza das súas pinceladas de trazo moi marcado, intenta transmitir unha obra chea de dinamismo. Os tres presentan unha mostra baseada no lema do escritor e profesor José Antonio Porro: “pinto para transmitir mis propias sensaciones”.

Exit mobile version