Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 250 persoas participan nas Escolas Deportivas de Cervo neste curso 2014-2015

Cervo, 23 de xaneiro de 2015- O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe os datos de participación das Escolas Deportivas unha vez pechadas as cifras do primeiro trimestre, que indican que son unhas 250 persoas as que acoden a unha ou varias das actividades ofertadas. En total estanse impartindo 10 disciplinas, atendendo aos grupos de idades.

Así, para o público infantil ofrécese (por orde de máis a menos participación) patinaxe artística (segue sendo a máis demandada, con 39 inscritos), baloncesto, fútbol sala, pádel, pequexogos e tenis; para xuvenil impártese voleibol e para adultos pilates (48), aeróbic (47) e ximnasia de mantemento. Ao mesmo tempo, no caso da sección infantil, realízanse actividades complementarias como é o caso de rutas de sendeirismo, a excursión á pista de xeo ou a participación en torneos de deporte escolar.

O edil de Deportes, Luis Guillén, asegura que estes datos amosan que “son moitos os veciños que están interesados no deporte e no exercicio físico, e que o practican de forma continuada a través da ampla oferta municipal”. “Todos os anos traballamos para que os veciños teñan varias opcións entre as que elixir e que todas sexan atractivas e, o máis importante, adaptadas aos seus gustos”. De feito, o Concello atende as demandas e peticións que se lle plantexan, como foi o caso do voleibol xuvenil, que comezou no mes de decembro a raíz dun grupo de persoas que manifestaron o seu interese nesta disciplina.

Ademais, Guillén explica que “as Escolas son unha boa forma de fomentar o deporte na nosa sociedade, pero tamén traballamos neste obxectivo mellorando e mantendo as instalacións deportivas, a través dos cursos da piscina, do apoio aos clubs e asociacións do concello e colaborando coas federacións en campionatos e citas deportivas”.

Exit mobile version