Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares destaca que a declaración da Fábrica de Sargadelos como BIC é “o remate dun proceso que comezou co compromiso da Xunta de protexer estes bens”

Cervo, 22 de xaneiro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo pública a súa “satisfacción” polo “remate do proceso para declarar a Fábrica de Cerámica de Sargadelos como Ben de Interese Cultural na categoría de monumento”. O Diario Oficial de Galicia http://ow.ly/HKsX5 publica hoxe o decreto da declaración, baixo a que se protexen todos os bens da fábrica ligados ao Laboratorio de Formas.

O rexedor asegura que “esta é unha moi boa noticia para a fábrica de Sargadelos, para os veciños, para o municipio, pero tamén para toda Galicia, para o noso patrimonio, a nosa cultura e a nosa historia”. Ademais, Villares destacou que a Xunta tivo en conta e aceptou as alegacións dos veciños, unhas propostas que plantexaran ao Concello e que este tramitou e asumiu como propias. “Queremos agradecerlle ao Goberno galego que atendese as preocupacións dos cervenses”, engade.

Ao mesmo tempo resaltou que “hoxe publícase a declaración, faise oficial, pero este era un compromiso da Xunta de Galicia que levaba tempo tramitándose”. Villares lembra que foi un trámite longo, no que estaban implicados numerosos departamentos e entidades, e que levaba consigo un exhaustivo traballo de documentación.

Polo tanto, para o rexedor, a publicación do decreto é “a finalización dun proceso que comezou hai anos co compromiso da Xunta, que amosara a súa preocupación e intención por conservar e protexer Sargadelos”.

Ao mesmo tempo, o primeiro edil destacou a importancia desta declaración “xa que a cerámica de Sargadelos, e o proxecto cultural e identitario que iniciaran Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane forman parte de forma indivisible da cultura e a historia de Galicia”. Ademais, Villares asegura que esta declaración tamén é, “dalgunha forma, un recoñecemento á labor destes dous intelectuais, xa que aposta pola conservación dun complexo que revolucionou a arte e a industria galega do século XX”.

Exit mobile version