Site icon Crónica3.com A Mariña

16 establecementos ribadenses participan no concurso de escaparates convocado por ACISA en San Valentín

Ribadeo, 11 de febreiro de 2015. Dezaseis establecementos participan no concurso de escaparates convocado por Acisa en San Valentín. Ata o 14 de febreiro estarán abertas as votacións na páxina de facebook de Acisa. O local que reúna máis apoios será o gañador.

Ademais as persoas que realicen as súas compras en calquera dos 16 establecementos participantes recibirán un boleto para reencher cos seus datos, que deberán introducir na urna que atoparán no local.
O vindeiro sábado, 14 de febreiro, ás 14 horas darase a coñecer o nome do establecemento gañador e a directiva de Acisa desprazarase ata o lugar para comunicarllo en persoa e para proceder, coa axuda dunha man inocente, a extraer a papeleta gañadora, entre todas as que se depositaron nese establecemento.

Desde Acisa explican que “a persoa afortunada terá que aceptar no momento as condicións do concurso e deberá comprometerse a desprazarse á tenda nese momento ou o mesmo sábado ata as 17.00 horas ás oficinas de Acisa para recoller o cheque-premio: unha cea romántica para dúas persoas no restaurante A Solana. Se tras cinco boletos elixidos non aparecese un gañador, serían entón premiados os esforzos do comercio, gozando eles mesmos o premio”.

Os escaparates que participan no concurso de Acisa son: Bora Bora, Mercería Torviso, Oscarves, Opticalia, Anais, Azabache, Modesto-G, Tu & Tu, Mika, Imagn 365, Petite Poupee, Sete Pecados, Maravella, Naná, Terra Branca e Manualidades Marta.

Desde Acisa animan ós ribadenses “a ver os escaparates que quixeron participar neste concurso e a votar ao que máis lles guste na nosa páxina de facebook. E a veciños e visitantes dicirlles que fagan as súas compras desta cita no comercio tradicional de Ribadeo. Todos sairemos ganando”.

Exit mobile version