Site icon Crónica3.com A Mariña

A AGPXC organiza un encontro entre axentes culturais de Lugo

2014-02-25-agpxc_scqLugo, 18 de febreiro de 2015.- A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural organiza nas próximas semanas en Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense encontros entre profesionais das distintas provincias galegas, para buscar modelos de boas prácticas no eido cultural local. Traballarase con dinámicas áxiles e obxectivos concretos, a partir de proxectos, persoas e entidades de referencia para definir valores, modelos, estratexias e procedementos que poidan servir de guía aos profesionais do sector. As citas son o luns 23 de febreiro en Lugo, o martes 24 de febreiro na Coruña, o luns 2 de marzo en Vigo e o martes 3 de marzo en Ourense, sempre en horario de 16h30 a 20h. A inscrición e gratuíta, pero as prazas son limitadas e os membros da AGPXC teñen prioridade. Aquelas persoas que desexen participar deben anotarse no formulario http://goo.gl/forms/pbgN85kBah antes das 14h do xoves 19 de febreiro (para Lugo e A Coruña) ou do xoves 26 de febreiro (para Vigo e Ourense).

Recursos útiles para o sector
Este traballo de creación colectiva dunha guía de recursos e boas prácticas da xestión cultural de proximidade -eido no que traballan a maioría dos profesionais, tanto do sector público como do privado- forma parte dun intenso proceso de debate impulsado pola AGPXC e no que xa participaron centos de profesionais da cultura ao longo dos últimos anos. O debate frutifica agora nunha serie de recursos que queren ser de utilidade para os profesionais do sector e para as formacións políticas que vaian a ter responsabilidades nas políticas culturais locais a partir das eleccións do mes de maio.

Tomando principalmente como referencia o traballo previo da Comisión de Cultura da FEMP (2009) sobre a Axenda 21 da Cultura, os recursos artellaranse arredor dos seguintes puntos: “Participación cidadá e acceso á cultura. Públicos e tecido cultural local”, “Ferramentas e mecanismos de bo goberno na acción cultural local: Recursos, avaliación, rendición de contas, transparencia”, “A cultura como factor de desenvolvemento local: social, económico e territorial” e “Xestión do patrimonio cultural material e inmaterial”.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) nace en maio de 2008 como un espazo de encontro e reflexión así como unha plataforma de representación profesional. Forma parte da Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales (FEAGC) e para organizar estes encontros conta co apoio da Secretaría de Estado de Cultura e máis da Deputación da Coruña.

Exit mobile version