Site icon Crónica3.com A Mariña

A colección de ourivería castrexa máis importante de Galiza está xa de volta no Museo de Lugo

reinauguracion-alvarogilLugo, 10 de febreiro de 2015. Os e as veciñas da provincia de Lugo xa poden gozar de novo da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil na Sala 8 do Museo Provincial de Lugo, logo do acto de reapertura que se levou a cabo esta tarde na galería luguesa logo de que a Deputación adquirise as 40 pezas da época castrexa que forman esta importante colección.

No acto solemne de reapertura participaron o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro; o vicepresidente provincial, Antonio Veiga; Carlos e Ignacio López Gil, netos de Álvaro Gil Varela e representantes dos herdeiros; e as voceiras do PP e o PSOE no organismo provincial, Elena Candia e Regina Polín, respectivamente. Asistiron tamén asociacións e personalidades do mundo da cultura e o patrimonio de toda a provincia.

Mario Outeiro felicitouse de que se puxese fin a todos estes anos de desencontros cos herdeiros de Álvaro Gil e presentou as iniciativas que se van acometer nos próximos meses para poñer en valor esta colección. “En primeiro lugar procederemos á renovación da sala de ourivería para actualizada en canto a obxectos expostos, facela máis didáctica empregando as novas tecnoloxías, dotándoa de máis elementos de seguridade e facéndoa máis accesíbel para persoas con capacidades diferentes, un campo no que o Museo de Lugo leva sendo referente a nivel estatal”, apuntou o delegado de Cultura.

A segunda iniciativa será a publicación “dun catálogo cos obxectos expostos na devandita sala, froito do traballo de investigación da director do Museo, Aurelia Balseiro, e de Ofelia Carnero. Será un referente en papel que servirá para que investigadores e curiosos se acheguen dun xeito científico e visual ao tesouro lucense”, indicou.

O terceiro punto correspóndese coa posta en marcha “dunha gran exposición temporal de arte galega, propiedade da familia Gil e cedida gratuitamente pola mesma ao Museo de Lugo. Desta maneira todo o pobo galego terá acceso por vez primeira a unha magnífica colección froito das estreitas relacións entre o filántropo lucense e os referentes artísticos e culturais da época. Iníciase deste xeito unha serie de colaboracións nos que Familia e Deputación deben traballar no futuro para implementar unha boa dotación cultural para a cidadanía”, destacou.

Finalmente, en cuarto lugar, Outeiro avanzou que “homenaxearemos a Álvaro Gil Varela e por extensión a cada un dos benfeitores do MPL nestas décadas de existencia entre os que destacan os Fernández ou Xan de Forcadas. Darei con elo cumprimento á promesa feita en outubro de 2013, no que anunciaba que, con colección ou sen ela, os lucenses estabamos en débeda con Gil Varela”, remarcou.

Unha figura aínda moi descoñecida
O responsable de Cultura da Deputación de Lugo considera que “a figura de Álvaro Gil é, por desgraza, inxustamente descoñecida para a cidadanía, fóra dos veciños da Milagrosa, que teñen un oco no rueiro, ou da colección que hoxe nos reúne”, indicou. Outeiro lembrou que “Gil, ou Xil, como o denominaban moitos dos seus compañeiros da época, era un amante da arte e da cultura galega que foi fundador de Ronsel e membro da Mocidade Céltiga en Madrid, onde frecuentou os círculos galeguistas e republicanos mentres estudaba Enxeñaría Técnica de Montes. Logo, en Pontevedra, partillou amizade con Castelao e Bóveda, que lle abriron as portas do Partido Galeguista, antes de ser encarcerado na illa de San Simón tralo levantamento militar”, indicou.

O responsable de Cultura da Deputación agarda que Álvaro Gil sexa “o espello no que se miren os empresarios galegos do presente, fundamentalmente nos tempos de crise que todo o arrasan, e sexan os galeguistas de antano o facho aceso que guíe as decisións de todos os que temos responsabilidades de goberno”, apuntou.

Petición á Xunta de celeridade na declaración de Ben de Interese Cultural
Mario Outeiro incidiu na importancia de que esta colección reciba a consideración de Ben de Interese Cultural, un proceso iniciado o pasado 23 de outubro de 2013 cando a Consellería de Cultura publicaba no DOG a resolución de incoación de expedición para esta declaración, a instancias da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela: “A Consellería, ademais de non cuestionar o carácter sobranceiro desta colección, establece un prazo de 20 meses para a resolución do expediente, prazo que remata en xuño. Prégolle celeridade á Consellería para non esgotar os prazos estipulados, así como que acceda á petición de BIC para o legado de Álvaro Gil, porque será unha magnífica nova non só para a protección do mesmo no futuro, senón tamén para a difusión dun ben cultural que aspira a ser un dos referentes tamén turísticos do Noroeste Peninsular”.

Comuñón de intereses de traballadores, grupos políticos e herdeiros
Mario Outeiro agradeceu o traballo dos empregados do Museo Provincial, “a confianza depositada polos compañeiros da corporación provincial, que entenderon que o que se estaba a negociar era un dos símbolos identitarios máis importantes para Lugo cunha repercusión económica e turística de primeira orde”, e o esforzo realizado polos herdeiros, “que permitiu que a Deputación de Lugo aforre a cantidade nada desdeñábel de 5 millóns de euros, a maiores das distintas colaboracións culturais encetadas e que agardo se manteñan de xeito indefinido no tempo”, afirmou.

Finalmente, instou aos representantes do mundo da cultura e do tecido asociativo cultural lucense presentes na sala “a que divulguedes nos vosos ámbitos de actuación que a colección regresou ao museo e regresou para quedar, propiedade de todas e todos os lucenses e por extensión de todo o pobo galego. Entre vós e nós está a misión de que non quede ningún lucense por coñecer a Sala nº 8 e por facer dela outro dos referentes turísticos da cidade como é a Muralla”, concluíu Outeiro.

Exit mobile version