Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concentración de Autocaravanas reportou un beneficio de 5.000 euros á economía do municipio de Cervo

autocaravanasCervo, 24 de febreiro de 2015- O Concello de Cervo fixo unha valoración da Concentración de Autocaravanas que tivo lugar esta fin de semana en San Cibrao. Uns días nos que se xuntaron unhas 200 persoas e 80 autocaravanas na praza dos Campos.

Un evento organizado pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) coa colaboración do Concello e que foi “un éxito de participación” segundo o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, que destaca o impacto positivo do evento na economía local. “A concentración reportou un beneficio directo de 5.000 euros aos comercios e empresas do municipio”, segundo os datos facilitados pola propia asociación.

Soto lembra que “estamos falando só da repercusión máis inmediata”, pero hai que ter en conta ademais que “este tipo de eventos teñen un importante efecto chamada posterior. Porque os visitantes, se gozaron do noso concello, falarán dos seus atractivos”. Polo tanto, para o edil, citas coma esta “son unha forma máis de apoiar ao noso sector turístico e á economía local en xeral”.

Pero ao mesmo tempo, o Concello aproveitou a concentración para inaugurar a área de estacionamento de autocaravanas que foi acondicionada nas inmediacións do campo de fútbol, fronte á cala de Pericón. Un acto no que participou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e membros do grupo de goberno, así como a directiva de AGA, co seu presidente, Francisco Pena, á cabeza, e ante a presenza de numeroso público, entre eles visitantes que asistían á concentración.

“Era moi importante que os futuros usuarios fosen partícipes deste acto de apertura e, ademais, coñecesen a área e comprobasen as súas instalación e a súa situación privilexiada, con vistas ao mar, a escasos metros da Praia da Caosa, nunha zona céntrica e accesible”, asegura Soto.

Exit mobile version