Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asegura que multiplicou por 370 os investimentos en emprego que facía o Goberno provincial do PP

“A realidade deixa unha vez máis en evidencia ao Partido Popular”, subliñou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, posto que o actual Goberno provincial multiplicou por 370 os investimentos en políticas de emprego que facía o PP á fronte da Deputación”. Deste xeito, “segundo se pode constatar nos Orzamentos, un documento oficial e público, dos 18.030 euros que deixaron consignados os populares nos anos 2006 e 2007 para fomento do emprego, o actual Goberno progresista pasou aos 6,6 millóns de euros neste 2015, cando non temos as competencias”. “Esta é unha cuestión de vontade e sensibilidade política, porque a responsabilidade en emprego é de Xunta e Goberno central”, recalcou.

García Porto atribúe deste xeito “o novo disparate e gran atrevemento” da voceira provincial do PP á súa “desinformación absoluta e falta de rigorosidade, o que está rematando coa súa credibilidade e solvencia política. De feito, xa está en dúbida dentro do seu propio grupo, e atópase nunha feble situación dentro do seu partido, algo que todo o mundo coñece”.

O emprego é a prioridade número 1 da Deputación “dende que entramos nós a gobernar, todo o contrario que para Feijóo, que recortou nun 54% as políticas de emprego dende que goberna, e Rajoy, que rebaixou só neste 2015 as partidas en 4.500 millóns de euros”, destacou a Deputada. “É surrealista que esta persoa, que se erixe como representante na provincia do seu partido e dos traballadores, nos veña a dar leccións nesta materia, cando para eles os parados e as familias son os grandes esquecidos, no Goberno galego, non central, e tamén cando gobernaban aquí”.

A Deputada de Economía explicou que os 5 millóns aos que se refire o PP corresponden á dotación orzamentaria do plan Ben Empregado!, unha iniciativa pioneira entre as administracións galegas “que xa está en marcha, que xa temos en execución, tal e como demos a coñecer”. En canto á cantidade restante, 800.000 euros, “descoñecemos de onde saca esa cifra a voceira popular, aínda que non é a primeira vez que manipula e inventa cifras…” “Na provincia, nin están, nin se lles espera, iso xa o saben todos os veciños, pero o máis grave é que intenten desprestixiar as accións en prol dos lucenses que levamos a cabo na Deputación”.

Á cabeza en execución
García Porto lembrou que, segundo os últimos datos oficiais, a de Lugo está á cabeza das Deputacións galegas cun nivel de execución orzamentaria máis elevado e avanzou que ao peche de 2014 a porcentaxe chega ao 80%. Ao mesmo tempo, mantense entre as menos endebedadas de España, coa previsión de acadar o endebedamento financeiro cero no ano 2016. É ademais a Deputación galega que máis inviste por habitante. “Xa lle gustaría ao resto de deputacións galegas e á propia Xunta ter uns resultados económicos tan positivos”, recalcou García Porto.

“En caso de que o Partido Popular non saiba ler os datos ou teñan algunha dúbida, máis aló de manipulacións intencionadas, atenderémolos gustosamente para explicarlles todo e cantas veces sexan necesarias, a ver se así deixan de tratar de enganar ós lucenses, asegurou a Deputada.

García Porto preguntouse ó mesmo tempo se o PP de Galicia se mostrará tan preocupado por cuestionar o nivel de execución orzamentaria das restantes deputacións galegas, pois a de Pontevedra deixou no 2013 sen gastar 121,4 millóns de euros; e a da Coruña, 119,3 millóns, “ou soamente se preocupan pola de Lugo porque non está gobernada polo seu partido”.

“A súa ambición é o poder, non prestar servizos aos veciños”, sinalou a delegada de Economía, quen recordou que este Goberno provincial “está a saldar, unha a unha, todas as débedas históricas que os populares deixaron cos lucenses, como o pago da débeda do canon hidroeléctrico de Chantada, a transferencia dos hospitais, a posta en marcha dos parques de bombeiros, a construción da sede da UNED en Lugo ou a recuperación como patrimonio público de todos os veciños da provincia das pezas de Álvaro Gil ou o Pazo de Tor”.

Exit mobile version