Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación complementa con outros 470.000 euros as obras da posta en valor do casco histórico de Viveiro

obras-viveiroA Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto ao Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, presentaron este xoves novas obras para a posta en valor do casco histórico viveirense. Trátase da mellora do pavimento e da dotación de servizos no treito comprendido entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry. Este venres, a Xunta de Goberno Provincial aprobará estas actuacións, dotadas de 470.000 euros da Deputación. Teñen un prazo de execución de 5 meses, polo que se comezarán a executar despois da Semana Santa, para non entorpecer esta multitudinaria cita de interese turístico internacional. A vindeira semana, iniciarase a tramitación dos permisos legais para poder realizalas, que deberán conceder Patrimonio e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Estes traballos complementan os do plan para a maior reordenación do tráfico rodado en Viveiro das últimas décadas, financiado con 185.000 euros do organismo provincial; así como a dotación dun parque ambiental fronte á cafetería Atlanta, moi preto do casco histórico, que tamén serán adxudicados na Xunta de Goberno Provincial de mañá, por valor de 102.814 euros. A vindeira semana, comezaránse a executar estes dous últimos proxectos, que estarán rematados para a Semana Santa.

Lara Méndez subliñou que “con estes 3 plans –reordenación do tráfico, parque ambiental e melloras entre a Avenida de Cervantes e Praza Juan Donapetry-, a Deputación inviste preto de 800.000 euros na transformación de Viveiro para acadar unha localidade, que recibe miles de visitante e é un referente turístico, máis confortable, atractiva e moderna”. María Loureiro agradeceu á Vicepresidenta e ao Deputado, ambos os dous da Mariña, “a colaboración e implicación da Deputación co Concello de Viveiro, olvidado por outras administracións”.

Novas actuacións
As obras entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry consistirán na reposición integral do firme da estrada LU-P-6605 e das zonas peonís da súa contorna con pedra granítica; mellora da rede de saneamento; restitución do alumeado público (situaranse iluminarias ao longo do vial, que serán tipo lead para un menor consumo); canalización dos servizos para o suministro eléctrico e de telefonía (pasarán a estar soterrados, mellorando a imaxe visual); dotación de mobiliario urbano (bancos, papeleras, xardineiras…) e zonas verdes para humanizar a zona; e soterramento dos colectores de lixo. Unha vez finalizadas estas actuacións, levarase a cabo a modificación do sentido de circulación dos vehículos. A rúa terá sentido único de circulación cara arriba, co que se pretende minorar o tráfico rodado e evitar retencións.

Plan de reordenación do tráfico
As actuacións do plan de reordenación do tráfico, que se iniciarán a semana próxima, comprenden sete zonas diferenciadas. A primeira delas correspóndese co cruce de Verxeles, que dá acceso á ITV e á estación de ferrocarril, onde se creará unha rotonda que permita xirar a vehículos pesados. Na segunda destas zonas, o cruce de acceso ao casco histórico dende Verxeles, crearase outra rotonda que permita regular o tráfico e o acceso ao casco histórico. Tamén se actuará na zona próxima á Misericodia, reducindo as dimensións da rotonda e as beirarrúas existentes para mellorar a maniobrabilidade dos vehículos e cambiando a ubicación actual do paso de peóns. No tramo comprendido entre a Ponte da Misericordia e a rotonda da oficina de turismo, aumentarase a dimensións das beirarrúas, soterraranse contenedores de lixo e crearase unha zona de carga e descarga. Nesta mesma zona, tamén se reconfigurará a entrada e saída dos vehículos: a entrada realizarase fronte á praza de abastos e a saída pola rotonda da oficina de turismo, cambiarase a ubicación dos pasos de peóns e instalaranse novos semáforos. Na zona da Cruz Roxa, tamén se reubicará o paso de peóns cara a saída da ponte e se mellorará a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, entre a praza de Lugo e a porta de Carlos V, quedará cun só carril en dirección Celeiro. Deste xeito, o espazo do carril eliminado será empregado para crear prazas de aparcamento para o casco histórico. Estas actuacións irán acompañadas de modificacións na sinalización horizontal e vertical en todas estas zonas

Parque Ambiental
O proxecto do parque ambiental, cuxas obras tamén se porán en marcha a vindeira semana, consiste, por un lado, na eliminación da zona infantil existente ao fondo do paseo marítimo, a escasos metros da Avenida de Ferrol que rexistra moito tráfico, e no acondicionamento deste espazo verde. Ademais, inclúe a instalación dunha nova dotación noutra zona do paseo marítimo máis céntrica e próxima ao casco histórico, polo tanto, máis segura; de maiores dimensións, con novos aparellos para nenos, cun rocódromo, 400 metros de caucho continuo e carteles informativos sobre a riqueza medioambiental da zona.

Exit mobile version