Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece asesoramento gratis ós Concellos e empresas para poñer en marcha a factura electrónica

Toda factura por un importe superior aos 5.000 euros que sexa presentada nunha administración pública debe tramitarse de xeito telemático, segundo obriga a lexislación. Para axudar aos Concellos da provincia e ás empresas a adaptarse a esta normativa -a Lei 25/2013 de Impulso da Factura Electrónica, que entrou en vigor o 15 de xaneiro- e poñer en marcha o sistema de facturas on line, a Deputación de Lugo ofrece asesoramento gratuíto tanto ás entidades locais, como ao tecido empresarial, a través de dúas vías.

Por unha banda, organizou para este vindeiro xoves dúas xornadas formativas no Salón de Actos: unha para os traballadores dos Concellos e da propia Deputación, que terá lugar de 10.00 a 12.00 horas, e outra para aos empresarios, sobre todo PEMES e autónomos, que se celebrará de 17.00 a 19.00 horas.

Na sesión dirixida aos traballadores públicos darase a coñecer en detalle o procedemento de xestión das facturas electrónicas na plataforma oficial existente para este sistema, denominada FACe, en concreto: a adhesión e alta na plataforma; as necesidades técnicas para a conexión; procedementos de captura das facturas electrónicas; as fases da factura electrónica; ou os prazos legais establecidos para pagar as facturas.

Polo que respecta á xornada pensada para as empresas provedoras da Administración Pública, o obxectivo é informalas sobre como teñen que crear e tramitar as facturas electrónicas, como poden facerlle un seguimento, e os prazos legais nos que debe pagar a administración.

Información individualizada
Ao mesmo tempo, a Deputación ofrece xa información individualizada, tanto vía telefónica, no número gratuíto 900 897 994, como presencial, nas propias dependencias da institución, en ambos casos en horario de 09.30 a 14.30 horas. As persoas interesadas na atención presencial deben chamar ao devantido teléfono para pedir cita previa.

A área de Cooperación cos Concellos, que dirixe Álvaro Santos, e a de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, que encabeza Alfredo Llano, puxeron en marcha este novo servizo de asesoramento sobre a factura elecrónica, que se leva a cabo a través do programa tecnolóxico Innova-TE, financiado ao 80% por fondos europeos FEDER. A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación “pola máxima cooperación cos Concellos en tódolos eidos e por aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para facer a administración máis áxil e útil aos cidadáns”.

A Deputación de Lugo foi pioneira entre as institucións provinciais galegas en adaptarse á normativa da factura electrónica, e xa leva utilizando este mecanismo dende mediados do ano 2013.

Exit mobile version