No acto, no que tamén estivo presente a Tenente de Alcalde de Abadín, Begoña Gaute, a Vicepresidenta destacou que “Expogrelo é exemplo dunha cita que, máis aló do seu aspecto lúdico, supón un importante evento de promoción dos nosos produtos autóctonos de calidade, cuxa comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo na provincia. É indispensable apoiar a súa celebración”. De feito, na Terra Chá hai máis de 200 produtores que comercializan uns 400.000 quilos de grelo ao ano, xerando máis de 250 postos de traballo na Comarca.
“Nos últimos anos as vendas deste produto, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida –IXP-, aumentaron un 40% grazas a iniciativas como Expogrelo, oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar a calidade dos nosos produtos e á súa comercialización como vía para revitalizar o sector primario”, sentenciou Lara Méndez.
Pola súa banda, os representantes do Concello quixeron agradecer a colaboración prestada pola Deputación ao tempo que convidaban a coñecer Abadín e a probar o seu grelo mañá sábado, 21 de febreiro.
20 produtores e 2.000 quilos
No evento gastronómico desta fin de semana tomarán parte uns 20 produtores, poñendo á venda uns 2.000 quilos de grelo. As actividades darán comezo ás 9:00 horas coa numeración das cestas de grelos, tralo que se abrirá o recinto feiral. Ás 12:30 horas terá lugar unha degustación de grelos de Abadín e, finalmente, ás 14:00 horas, daranse a coñecer os gañadores dos premios ás mellores cestas. As actividades previstas completaranse con degustacións de pratos elaborados polos locales de restauración da localidade, así como diferentes actuacións musicais.