Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación subvenciona cursos de mergullo para descubrir a riqueza submarina da Mariña

mergulloA Deputación de Lugo, dentro da súa liña de promoción da Costa lucense, subvenciona cursos de mergullo co fin de descubrir a riqueza submarina da Mariña. Así o comunicou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, durante o bautismo de mergullo que tivo lugar este sábado na piscina municipal de Frigsa, e co que se deu comezo a esta programación dirixida a preto de 500 participantes. Esta iniciativa está encamiñada a fomentar o deporte de auga, así como o estudo do fondo mariño da Costa lucense.

Lara Méndez, que estivo acompañada do Presidente do Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo (C.A.S Costa Lugo), Julio Vázquez Pérez, valorou que “con esta colaboración impulsamos a investigación e difusión do fondo submarino da Costa, e ofrecemos a posibilidade de que preto de 500 persoas coñezan de primeira man un deporte tan interesante como é o do mergullo”.

A Vicepresidenta explicou que coa achega provincial, aparte de subvencionar as actividades, finánciase tamén parte dunha zódiac, coa que esta asociación sen ánimo de lucro poderá continuar cos traballos de investigación, “que aportan un grande valor engadido á provincia”. Julio Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación e afirmou que “grazas a esta achega, chegamos a centos de persoas e impulsamos a investigación do fondo submarino da Mariña”.

Mergullo, RCP e conciencia ambiental
Dentro desta programación lúdico didáctica, englóbanse actividades como o bautismo de mergullo, no que se fará unha aproximación sobre este deporte e se dará a coñecer o equipamento, materiais e técnicas necesarias para as diferentes modalidades. Tamén se ofrecerán xornadas de formación en primeiros auxilios e RCP, co fin de capacitar aos deportistas para prestar unha asistencia inmediata, que permita salvar vidas, e outras de salvamento e rescate, con simulacros de posibles accidentes. Do mesmo xeito, organízanse xornadas ambientais e de limpeza do fondo mariño, encamiñadas a fomentar as practicas responsables co medio que nos rodea.

Para participar nestas actividades subvencionadas pola Deputación de Lugo, os interesados deberán chamar ao teléfono 609 423 210, no que obterán máis información.

C.A.S Costa Lugo
O Centro de actividades subacuáticas Costa Lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo principal fomentar e impulsar a práctica do mergullo deportivo, así como a exploración, investigación e conservación da natureza e do paisaxe subacuático. É a única escola de mergullo da provincia de Lugo que conta con persoal técnico e deportivo cualificado para impartir cursos de mergullo recreativo así como persoal médico subacuático.

Exit mobile version