Site icon Crónica3.com A Mariña

A executiva socialista de Ribadeo propón ó recoñecido empresario Roberto Ramos como candidato á alcaldía

presentacion-candidato-ribadeoRIBADEO, 13 DE FEBREIRO DE 2015.- A agrupación socialista de Ribadeo, da man do seu secretario Xeral –Víctor López Pérez- presentou este venres a Roberto Ramos Piñeiro como candidato do PSOE á alcaldía ribadense. Neste senso, o responsable da executiva agradeceu publicamente a disposición mostrada polo alcaldable, ao tempo que indicou que se trata “dun gran candidato que destaca por ser traballador, emprendedor e por ter unha gran ilusión por traballar por e para Ribadeo”.

Roberto Ramos, tal como manifestou Víctor López, conta co apoio da dirección do PSOE provincial, é dicir, de Juan Carlos González Santín, e da galega, que lidera José Ramón Gómez Besteiro. A súa elección foi aprobada “de forma unánime e democrática” no día de onte pola executiva local.

Trátase dun recoñecido empresario que chega á política coa vontade “de sumar e de traballar dende o respecto e a responsabilidade, e coa esperanza de aglutinar os intereses da esquerda nun proxecto común, de futuro, real e solvente”. Neste senso, manifestou o seu compromiso de elaborar “un proxecto aberto e transparente”. “Convido a todos os que queiran arrimar o ombreiro, aportar e traer na súa mochila unha clara vocación de servizo”, indicou.

“Un equipo volcado cos cidadáns”
Deste xeito, subliñou que “será unha alternativa de goberno real, que satisfaga os intereses dos nosos veciños. Non vai a ser unha persoa, senón un equipo, un traballo conxunto e coordinado. Seremos a voz de todos os grupos e de todos sectores parroquiais e sociais. Un equipo volcado cos cidadáns”, sentenciou.

“Unha forma de gobernar distinta”
Coa súa elección, abrése así, unha nova etapa, “na que contaremos con todos e pisaremos a rúa para coñecer os problemas e necesidades dos nosos veciños”. Para elo, ofrece “traballo intenso” porque existe, dixo, “unha forma de gobernar distinta”.

Datos do candidato
Roberto Ramos Piñeiro naceu en Lugo, pero leva 20 anos en Ribadeo. Ten 45 anos. É licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de A Coruña, ademais de socio fundador de distintas empresas que desenvolven a súa actividade tanto no municipio mariñano como noutras zonas de Galicia, en Asturias, Cantabria, País Vasco, Valencia, Castela e León e Madrid, e que están vinculadas directamente coa xestión e construción de instalacións deportivas. Está casado e ten tres fillos.

Exit mobile version