Site icon Crónica3.com A Mariña

A piscina de Lieiro aumentou o número de socios nun 11% durante o 2014

Cervo, 5 de febreiro de 2015- O Concello de Cervo fixo balance de utilización da piscina municipal olímpica de Lieiro. Así, durante o ano pasado, o número de socios aumentou con respecto ao 2013 nun 11%, pasando dos 722 que había en decembro de 2013 aos 802 do mesmo mes de 2014. Unha cifra na que só se inclúen as persoas que teñen un carné de socio da piscina e os membros da familia asignados e que tamén acceden a ela a través dese carné.

Así, non están contabilizados todos os usuarios que utilizan a piscina a través da compra de bonos ou polo pago dunha entrada, de forma que o número de persoas que acoden a esta instalación é moi superior. Este aumento no número de socios non é puntual, senón que vén sendo unha tendencia nos últimos anos. Así, de 2011 a 2014 os socios creceron un 21%, pasando de 662 a 802.

Ao mesmo tempo, cabe destacar a participación nos cursos da piscina, que no 2014 ascenderon a 222 persoas, entre as que se atopan tanto socios como non socios. Neles impártese natación para bebés, iniciación e perfeccionamento para adultos, aquagim e inclúese tamén a Escola Infantil de Natación, que conta con seis niveis de aprendizaxe (cangrexo, pato, tartaruga, foca, delfín e tiburón) así como un nivel superior de perfeccionamento.

Polo tanto, para o edil de Deportes o balance é moi positivo “xa que nos permite comprobar como cada vez son máis as persoas que acoden de forma habitual á instalación da piscina, a practicar natación, ou ao ximnasio e, en definitiva, a facer exercicio físico”. “Dende o Concello estamos xestionando a piscina apostando pola súa actividade, programando cursos e traballando no mantemento das súas instalacións como prioridade” remata Luis Guillén.

Exit mobile version